A Xunta pon en marcha a campaña ‘Alerta ISSGA, pode haber amianto’ de información e formación en prevención de riscos laborais


  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe ao sector da construción a iniciativa que inclúe material informativo e unha App que ofrece formación mediante un xogo a través da técnica da gamificación
  • Repartiranse 6000 manuais e 4000 fichas para levar ás obras, uns folletos que contan tamén coa súa correspondente versión dixital
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), ofrecerá formación sobre os riscos do amianto en colexios, unha cualificación que impartirán técnicos da Fundación Laboral da Construción
  • Toca destaca que a Xunta, ademais, facilita ás empresas a tramitación dos procedementos de autorización para os traballos con risco por amianto en Galicia
  • A campaña forma parte do Plan de Actividades 2018 do ISSGA co que se está a prestar especial atención aos sectores económicos con maiores índices de sinistralidade laboral

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2018. A Xunta vén de poñer en marcha a campaña Alerta Issga, pode haber amianto que se centra na formación, na seguridade no traballo e na innovación e os novos retos sobre a exposición ao amianto. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, presentou hoxe a iniciativa na Fundación Laboral da Construción á que agradeceu a súa colaboración e a súa implicación.

A través da campaña que leva a cabo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, por medio do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), repartiranse 6000 manuais e 4000 fichas para levar ás obras, uns folletos informativos que contan coa súa correspondente versión dixital. Será a Fundación Laboral da Construción a encargada de distribuír os materias nas visitas dos seus técnicos ás obras de construción e nas visitas a empresas; na formación que imparte e certifica; e nas xornadas informativas. Tamén se achegará este material a outros sectores que interveñen nas obras de construción.

Os soportes recollen fotos de situacións cotiás nas obras ou traballos de rehabilitación, e, ademais, a campaña inclúe unha App deseñada polo ISSGA que inclúe toda a información e trata de formar aos usuarios na prevención de riscos laborais na exposición ao amianto mediante un xogo, a través da técnica de gamificación.

A actuación diríxese non só aos traballadores e traballadoras das grandes obras de construción, senón tamén, e, especialmente, ás obras de reforma, rehabilitación e a aquelas actividades vinculadas á construción que afectan a diferentes profesionais.

Toca, ademais do aspecto informativo, resaltou o ámbito formativo no que tamén se centra a campaña. Indicou que o ISSGA está a avaliar como se pode mellorar a formación para traballadores e traballadoras cunha posible exposición ao amianto, ao tempo que explicou que esta formación levarase tamén aos colexios de Galicia nos que se recreará unha obra de construción co fin de sensibilizar aos nenos e nenas do valor da prevención. Deste xeito, técnicos da Fundación Laboral da Construción visitarán ata finais de ano 20 centros.

A secretaria xeral de Emprego, así mesmo, puxo en valor outras actuacións que está a levar a cabo a Xunta para reducir os riscos da exposición ao amianto. Neste senso, indicou que a Administración autonómica facilita a tramitación dos procedementos de autorización para os traballos con risco por amianto a través da sede electrónica da Xunta, a única forma de presentación das solicitudes co que se está a reducir a carga burocrática das empresas, axilizando os procedementos.

O Plan de Actividades do ISSGA

A campaña, que hoxe se presentou ao sector da construción, forma parte do Plan de Actividades do ISSGA para este ano, que inclúe un total de 74 actuacións divididas en 7 eixos e conta cunha oferta formativa en prevención de riscos laborais, coa que se prevé chegar a 1200 persoas.

Esta folla de ruta está consensuada cos interlocutores sociais e responde aos obxectivos da Estratexia galega de Seguridade e Saúde no Traballo 2017-2020 que está desenvolvendo a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA.

Os retos máis destacados son mellorar a eficiencia na coordinación entre as administracións en materia de prevención de riscos laborais; impulsar a implicación dos interlocutores sociais; facilitar a xestión preventiva e reforzar a vixilancia e o control; potenciar a análise e investigación dos accidentes; fomentar programas en sectores de alta sinistralidade; e acadar unha formación de calidade para consolidar a cultura preventiva na sociedade galega.

Con esta actuación, a Xunta está prestando especial atención aos sectores económicos con maiores índices de sinistralidade como é o pequeno comercio de alimentación, o forestal, o pesqueiro, o naval, a construción ou as actividades relacionadas con augas mineiras e termais.

A través desta iniciativa estanse levando a cabo tamén actuacións de promoción de prevención de riscos laborais en sectores con alta presenza de mulleres para contribuír á integración da igualdade na xestión nos centros de traballo e campañas dirixidas aos traballadores tras unha baixa de longa duración por accidente ou enfermidade, entre outros.

Sobre a oferta formativa para 2018, o Plan inclúe importantes novidades para dar resposta a cambios normativos e técnicos para clarificar e facilitar o cumprimento e adaptación ás novas obrigas en prevención de riscos laborais.

Toca, para rematar, apuntou a importancia da colaboración entre as empresas e a Administración para seguir reducindo a sinistralidade laboral en Galicia e a necesidade de seguir cooperando coas asociacións empresariais, neste caso coa Fundación Laboral da Construción, para poñer en marcha campañas de prevención de riscos laborais.