Analizamos os riscos piscosociais nun obradoiro en Lugo e Pontevedra


  • Esta actividade realízase en colaboración con Asepeyo para conciencia sobre os efectos e consecuencias dos riscos psicosociais na organización do traballo
  • Ten lugar hoxe no centro Issga de Lugo e mañá no de Pontevedra

O 28 % dos traballadores europeos afirma estar exposto a riscos psicosociais que afectan o seu benestar mental.

O estres laboral é o segundo problema de saúde máis frecuente en Europa relacionado co traballo, e atribúenselle entre o 50 e o 60 % dos días de traballo perdidos. Outro dato importante é que o 14 % dos traballadores europeos afirma sufrir condutas violentas no ámbito laboral.

Estes datos reflicten o impacto que teñen os riscos psicosociais neste contexto e é por iso a importancia de concienciar sobre os efectos e consecuencias dos riscos psicosociais na organización do traballo.

Os riscos psicosociais son un risco laboral que ten unha alta probabilidade de afectar á saúde do traballador e as súas consecuencias adoitan ser importantes. Os factores psicosociais son condicións organizacionais que se atopan presentes nunha situación laboral, que están directamente relacionadas coa organización, o contido do traballo e a realización da tarefa, e que teñen capacidade para afectar tanto o benestar ou á saúde (física, psíquica ou social) do traballador como ao desenvolvemento do traballo. Os factores psicosociais poden dar lugar tanto a consecuencias positivas como negativas.

Durante esta actividade formativa analizaranse os tipos de riscos psicosociais, os factores que contribúen á problemáticas psicosocial, os seus efectos, como avalialos e como actuar fronte a eles.

Ademais, e como obxectivo principal do taller, proporcionarase, de maneira directa e práctica, experiencias para comprender o impacto da comunicación e o funcionamento da enerxía emocional na prevención de accidentes laborais e os recursos persoais necesarios para xestionala adecuadamente.

Para iso, analizarase:

  • Que é a enerxía emocional
  • Que tipos de enerxía emocional existen
  • Cal é o seu impacto no lugar de traballo
  • Como se propaga a enerxía emocional
  • Como podemos contribuír positivamente con nosa propia enerxía emocional
  • Recursos persoais para xestionar a enerxía emocional