O centro Issga da Coruña acolle a segunda das xornadas sobre promoción e prescrición da actividade física na empresa


A Coruña, 23 de marzo de 2018. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), organizou dúas xornadas técnicas que tiveron lugar hoxe e onte na Coruña e Ourense nas que se abordaron temas relativos a promoción da actividade física na empresa así como outros relacionados con hábitos saudables, tales como a alimentación.

O exercicio físico desempeña un papel crave na promoción dunha mellor saúde, na prevención de enfermidades crónicas e como complemento, ás veces esencial, no tratamento de certos trastornos ou enfermidades tanto físicas como psíquicas ou sociais. O lugar de traballo é un escenario idóneo para a posta en marcha de intervencións de promoción da actividade física entre os traballadores e é beneficioso non tan só para as persoas senón tamén para a empresa.

O fomento da actividade física e a adopción dun estilo de vida activo por parte de todas as persoa é unha das claves para garantir o benestar e unha mellor calidade de vida en todas as idades.

A practica insuficiente de actividade física é un problema de saúde tanto pública como laboral, que representa un grande custo en termos de perda de calidade de vida e de gastos de atención sanitaria, mutual e social.

O sedentarismo é unha característica propia das sociedades modernas, polo que recuperar un estilo de vida activo e integrado na nosa vida cotiá e no noso traballo é un reto complexo que require un cambio cultural e de paradigma, onde o ámbito laboral pode servir como panca.

No desenvolvemento da xornada, técnicos ligados ao Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo (INSSBT), ao Consello Superior de Deportes, a Fundación Galega para o Deporte e a Confederación de Empresarios, falarannos das bondades da realización de actividade física, así como das distintas posibilidades e enfoques cos que se pode abordar en todos os ámbitos e moi especialmente dende ámbito laboral. Profundarase na relación directa existente entre a actividade física, a condición física e a saúde. Abordaranse as previsións do “Plan Galego para o Fomento da Actividade Física Galicia Saudable”, derivados da “Estratexia Mundial da OMS” e explicaranse as ferramentas de que se dispón para levalo a cabo e as posibilidades de abordaxe multisectorial. Tamén nos contarán casos prácticos de aplicación en empresas galegas.

As estimacións dinnos que de eliminaranse os principais factores de risco para o padecemento de enfermidades crónicas, entre es que se atopan o sedentarismo, a inadecuada alimentación ou o tabaquismo poderíanse previr preto do 75% da carga atribuíble as enfermidades cardiovasculares, aos accidentes cerebro-vasculares e a diabetes de tipo 2, e un 40% dos casos de cancro. Así mesmo, poderíase mellorar a prevalencia das enfermidades respiratorias crónicas coma a asma, a diabetes ou a osteoporose, entre outras doenzas.

Esta iniciativa pretende ir enfocada a todos os sectores en xeral, a todo tipo de empresas, tanto grandes, como medianas e pequenas, aos autónomos, así como a todas as figuras implicadas na xestión tanto da empresa como da prevención, e tamén a profesionais da actividade física, ou a futuros profesionais como é o caso dos alumnos de FP. Tamén aos centros educativos, aos axentes sociais e a sociedade en xeral.

O obxectivo final desta actuación é destacar a importancia da actividade física para mellorar a condición física e o benestar e a saúde das persoas, e moi especialmente dos traballadores, así como concienciar sobre que calquera momento e calquera oportunidade son bos para facer actividade física, tanto no ámbito privado como no ámbito laboral, reducindo o sedentarismo. Potenciando a realización de actividade física melloraremos a saúde dos traballadores, tanto física como mental, potenciaremos o desempeño das actividades do seu posto de traballo, diminuíndo as patoloxías de todo tipo e especialmente as musculoesqueléticas, reducindo o absentismo e incrementando a produtividade. Manter unha boa condición física é un ha garantía de calidade de vida e de mantemento de dita calidade nas distintas idades e do desempeño dos diferentes roles que a cada quen lle toca desenvolver tanto na actividade laboral coma diaria. Tamén é unha aposta de futuro de cara a unha intervención mais preventiva e menos curativa ou paliativa.

Trátase de construír un futuro onde a práctica de actividade física saudable, en igualdade de oportunidades para toda a poboación, contribúa a conservar a súa saúde e a súa autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, e previr e reducir a presenza de enfermidades crónicas non transmisibles relacionados coa inactividade física. E poderíamos engadir, neste caso, actuando multisectorialmente dende o ámbito laboral de cara a potenciar tamén as competencias no posto de traballo e diminuír as patoloxías e o absentismo.