Analizamos no Centro Issga de Ourense a seguridade e saúde laboral na conservación e mantemento de vías públicas


  • A dificultade á hora de especificar as intervencións para realizar, xunto coa concorrencia do tráfico rodado e outras actividades ou servizos na infraestrutura, denota a particular relevancia que adquiren os aspectos relacionados coa xestión da prevención de riscos laborais neste tipo de traballos

Ourense, 7 de marzo de 2018. O salón de actos do Centro Issga de Ourense acolleu hoxe esta xornada técnica que tivo como obxectivo informar sobre a xestión da prevención de riscos laborais nos traballos de conservación e mantemento de vías públicas.

Estas actividades presentan certas particularidades que cómpre ter en conta como por exemplo que estes traballos son asumidos, xeralmente, polas empresas no marco dun contrato de mantemento das infraestruturas que abarca un período de tempo determinado, de maneira que as intervencións concretas que teñen que realizarse non están definidas con detalle nos pregos de condicións, ben porque non poden anticiparse ao derivarse de factores externos (fenómenos meteorolóxicos, ...), ben porque o alcance e extensión dos mesmos non pode sistematizarse dende un punto de vista documental. Con carácter adicional, parte destas intervencións poden carecer de proxecto por non ser preceptiva a súa realización. Así mesmo, moitos dos traballos téñense que realizar coa infraestrutura en uso, é dicir, con presenza de tráfico na mesma. Isto implica a exposición dos traballadores a un factor de risco adicional non orixinado pola obra en si, senón asociado ás características do emprazamento onde se van a realizar os traballos e pola concorrencia doutras actividades.

A dificultade á hora de especificar as intervencións para realizar, xunto coa concorrencia de persoas, tráfico rodado e outras actividades ou servizos na infraestrutura, denota a particular relevancia que adquiren os aspectos relacionados coa xestión da prevención de riscos laborais nestas actividades, en especial no relativo á adopción de medidas preventivas na concepción deste tipo de traballos, a planificación destes e o establecemento dos medios de coordinación adecuados.

Ao abeiro dos obxectivos que se recollen nas sucesivas estratexias de seguridade e saúde no traballo, que constitúen os instrumentos principais para establecer o marco xeral das políticas de prevención e polas que se aproban os Plans de actuación do Issga, se realizan actuacións continuas no sector da construción e afíns (entre o que englobaremos o mantemento e conservación de vías públicas), polas súas especiais peculiaridades e dificultades no eido da integración da prevención.

Entre as principais actuacións do Issga neste ámbito figuran o asesoramento e control das accións técnico preventivas que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e a prestación ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas, de asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.

Tendo en conta a variedade de traballos que se realizan no mantemento e explotación de vías públicas, nesta xornada tratouse de coñecer a problemática existente nesta actividade e aproximarnos ás posibles solucións aos principais problemas do sector a nivel de prevención de riscos laborais, que poidan mellorar as condicións de seguridade e saúde dos traballadores que realizan este tipo de tarefas.

Os diversos relatores desta actividade formativa expuxeron dende as conclusións do informe do grupo de traballo da CNSST sobre prevención en traballos de conservación e explotación de infraestruturas, ata aspectos relativos á documentación preventiva en sinalización, conservación e mantemento de vías públicas, o papel do coordinador nas obras de conservación e mantemento de estradas e especialmente en vías urbanas e mesmo un caso práctico de organización da prevención nos traballos executados por unha empresa nunha vía pública.