Presentamos no Consello Galego de Pesca a fase final da guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro


  • Realizada por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos de traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral das comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.

Santiago, 12 de febreiro de 2017.- Hoxe presentamos no Consello Galego de Pesca a fase final da guía para a vixilancia da saúde no sector pesqueiro, un documento que se vén elaborando desde o ano 2011 conxuntamente con Asturias, Cantabria e Euskadi.

Trátase da primeira guía editada neste ámbito por estas 4 rexións e realizada por un grupo multidisciplinar de técnicos de prevención e de médicos de traballo dos institutos de seguridade e saúde laboral destas castro comunidades autónomas que inclúe información sobre cada tipo de actividade dentro do sector.

Esta parte final da publicación baséase na avaliación de riscos que se desenvolve ao longo de toda a guía dividida en tres partes: a primeira está dirixida ás flotas de baixura e artesanal; a segunda ás actividades de marisqueo a pé, extracción de recursos específicos e as actividades auxiliares á pesca; e a terceira está destinada ás artes de altura e gran altura.

O obxectivo xeral da publicación é ofrecer unha correcta orientación e instrumentos para implantar de xeito específico e individual a vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro, así como contar con instrumentos para a detección de enfermidades profesionais relacionadas co traballo no sector e para facilitar a avaliación dos riscos, así como para subliñar a necesidade de establecer os mecanismos que faciliten a coordinación entre os diversos axentes involucrados na vixilancia da saúde dos traballadores do sector pesqueiro.