Os alumnos do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo visitaron a Escola Galega de Prevención do ISSGA


  •  A Escola Galega de Prevención ten como obxectivo que os rapaces e rapazas integren o concepto de cultura preventiva transversalmente dende os primeiros anos da súa formación

A Coruña, 12 de xaneiro de 2018.- A Escola Galega de Prevención do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) recibiu a visita de 30 alumnos do CEIP Xesús San Luís Romero (Carballo) que se achegaron xunto cos seus mestres para coñecer este espazo educativo e introducirse nos conceptos básicos e nos contidos inmediatos da prevención de riscos, buscando incentivar actitudes e hábitos seguros dun xeito didáctico, ameno e divertido, e para que asuman o valor da prevención dos riscos laborais como futuros traballadores.

A Escola Galega de Prevención ten como obxectivo que os rapaces e rapazas integren o concepto de cultura preventiva transversalmente dende os primeiros anos da súa formación ata a súa incorporación ao mercado laboral, introducindo aos máis novos/as a cultura preventiva e concienciando da importancia da seguridade e a saúde laboral.

Este centro itinerante sitúase actualmente na sede do ISSGA na Coruña co fin de que as súas actividades cheguen aos centros educativos da provincia.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar; fomentándose que o alumnado adquira a conciencia da seguridade nas actividades que desenvolve a diario, e tamén co fin de que actúe como motor de cambio nas actividades que realizan os seus proxenitores.

Co gallo de acercar o máis posible a escola aos nenos e nenas, consideramos que esta non se limita ao seu espazo físico que vai rotando de forma periódica polos centros territoriais do Instituto, senón que se alimenta tamén das visitas que o persoal técnico do ISSGA realiza aos centros educativos, onde se poida achegar o concepto de prevención de riscos laborais aos nenos e nenas galegos, así como das visitas que os centros educativos realizan aos centros territoriais do Instituto para coñecer o seu funcionamento nas distintas disciplinas preventivas.