O centro do Issga de Pontevedra acolleu unha xornada técnica sobre o cancro de orixe laboral


Rande-Redondela, 30 de novembro de 2017. Dentro dos case 40 asistentes a esta acción formativa, que se enmarca dentro do Plan de Actividades do Issga para o ano 2017 no eixe 6 sobre formación, difusión e sensibilización en prevención de riscos laborais, están membros dos servizos de prevención, empresarios, traballadores, sindicatos e especialistas en medicina do traballo e do sector sanitario en xeral.

Un canceríxeno é un axente presente no ambiente de traballo que é capaz de provocar cancro nas persoas que están en contacto con el. Estímase que en España morren cada ano máis de 7000 persoas por cancros de orixe profesional. O obxecto desta xornada é poñer de manifesto a orixe do cancro laboral, determinar a existencia ou non de exposicións seguras e como garantir a súa prevención.

A inmensa maioría dos cancros de orixe laboral son desencadeados por substancias químicas. O número de axentes químicos utilizados na actualidade é enorme, estimándose que unhas mil substancias novas son incorporadas ao mercado cada ano. Actualmente, debátese sobre a posibilidade de que exista unha dose umbral ou límite por debaixo da cal a exposición a axentes canceríxenos non sexa perigosa. Numerosos argumentos defenden a postura de que a dita dose ou nivel límite debería ser cero e que calquera exposición a un canceríxeno supón un risco.

O Real Decreto que regula no noso país a exposición a canceríxenos no lugar de traballo é o RD 665/1997 sobre a protección dos traballadores contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo. Nel establécense unha serie de normas rigorosas co fin de evitar a exposición aos ditos axentes.

O Issga ten publicado numerosos documentos sobre axentes químicos no lugar de traballo e patoloxías derivadas da súa exposición, así como as medidas de control para evitar a exposición.

Esta xornada foi posible grazas a participación de recoñecidos especialistas na materia, que expuxeron os seguintes relatorios:

  • CANCRO. ASPECTOS XERAIS. ETIOPATOLOXÍA

Manuel Gil Fernández. Xefe do Equipo Técnico de Medicina Laboral do Centro Issga de Pontevedra

  • CANCRO LABORAL. EVIDENCIA CIENTÍFICA. CRITERIOS DE CAUSALIDADE

Marta María Rodríguez Suárez. Responsable do Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Área 2 do Servizo de Saúde do Principado de Asturias (SESPA)

  • CANCROS POR AXENTES QUÍMICOS

Ángel Tomás Camacho García. Director médico do Laboratorio de Análisis Clínicos Lema y Bandín, S.L.

  • COMO MELLORAR A PREVENCIÓN DO CANCRO LABORAL

Javier Ruiz Pérez. Técnico da área de prevención de FREMAP