Hoxe estamos en Becerreá nunha xornada técnica sobre “Operacións de maior risco na actividade forestal: descrición, riscos e medidas preventivas”


Becerreá (Lugo), 30 de novembro de 2017. O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá acolle a xornada técnica “Operacións de maior risco na actividade forestal: descrición, riscos e medidas preventivas”, que tamén tivo lugar a pasada semana en Xinzo de Limia, co obxectivo de expoñer os principais riscos cos que se teñen que enfrontar os traballadores do sector forestal, así como de expoñer as medidas preventivas máis axeitadas para evitar ou diminuír a accidentabilidade neste sector, de gran transcendencia para a economía galega. De cara a impulsar o crecemento do sector e xerar novos postos de traballo, a seguridade no traballo é clave como fonte da súa competitividade presente e futura.

As tarefas vense influenciadas polas condicións de grande dificultade nas que se desenvolven: ao aire libre, realízanse en contornas de montaña, explotacións dispersas e afastadas, orografía do lugar e a climatoloxía.

Durante esta xornada se analizan tanto os riscos de seguridade, como os derivados do ambiente de traballo e o uso seguro de substancias e mesturas; tamén se fixo unha exposición respecto das enfermidades profesionais na actividade forestal.

O plan de actividades 2017 do ISSGA recolle un programa de prevención de riscos laborais no sector forestal e industria madeireira, co obxectivo desenvolver accións de asesoramento, información e sensibilización que permitan diminuír a sinistralidade laboral no sector forestal, así como medidas de control e seguimento, sen prexuízo das competencias inspectoras. Estas actuacións desenvólvense na medida do posible en colaboración coa Consellería do Medio Rural e coas organizacións sectoriais representativas do sector forestal.

As actuación realízanse tanto no ámbito forestal como na industria madeireira, e entre elas podemos sinalar algunhas como:

  • Achegar información sobre o manexo seguro de equipos de traballo, en particular no manexo maquinaria forestal, de carácter practico e dirixida ao persoal traballador do sector

  • Colaboración pericial na campaña da Inspección de Traballo e Seguridade Social en empresas do sector forestal

  • Dar difusión ao material divulgativo do Instituto sobre prevención de riscos laborais en aproveitamentos forestais e pautas que se deben seguir en caso de accidentes

  • Fomentar a adquisición dunha conciencia preventiva no sector forestal e na industria madeireira

  • Realización de visitas aos centros de traballo da industria madeireira, para unha mellora da resposta técnica a riscos de hixiene industrial

Destacar tamén a creación o pasado ano dun grupo de traballo de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA, que ten como obxectivo a realización de actuacións que permitan mellorar as condicións laborais dos traballadores deste sector. Actualmente continúa a traballar na elaboración de documentos técnicos conxuntos, ultimando os correspondentes ás fichas sobre árbores sentadas ou apoiadas, nas que se indican recomendación xerais e específicas para a correcta realización destes traballos e se lembran os aspectos máis importantes que se deben ter en conta nestas actividades. Tamén se segue avanzando nas pautas a seguir en casos de emerxencia.