A Xunta sinala que os hábitos saudables no traballo contribúen a xerar emprego de calidade e á mellora da competitividade


  • O ISSGA colabora na xornada ‘Novos retos na xestión dos riscos psicosociais e o estrés laboral’ cunha exposición sobre a promoción da saúde e actuacións do ISSGA en materia de riscos psicosociais.
  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destaca que a Xunta, en coordinación cos axentes sociais e a través do ISSGA, está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, que inclúe 163 medidas para reducir a sinistralidade e mellorar a saúde no traballo

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago na apertura nunha xornada técnica sobre os novos retos na xestión dos riscos psicosociais e o estrés laboral organizada pola Facultade de Relacións Laborais, en colaboración coa Xunta, Mutua Universal e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, co obxectivo, entre outros, de sensibilizar sobre a importancia da promoción da saúde laboral e afondar nas consecuencias psicolóxicas da exposición aos riscos psicosociais e ao estrés laboral.

Toca destacou a importancia de promover hábitos saudables nos centros de traballo, xa que explicou que se contribúe con esta medida a xerar emprego de calidade e á mellora da competitividade. Para mellorar a saúde laboral e reducir a sinistralidade, explicou que a Xunta, en colaboración cos axentes sociais, e, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, unha planificación consensuada cos interlocutores sociais, que inclúe 163 medidas.

Entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.

Na xornada celebrada en Santiago, dirixida a empresarios, directivos, autónomos e profesionais en xeral, así como a estudantes, investigadores, asesores laborais e servizos de prevención e saúde laboral, presentáronse as principais ferramentas metodolóxicas que se poden utilizar hoxe en día para medir os riscos psicosociais, ao tempo que se compartiron experiencias e boas prácticas sobre promoción da saúde laboral desde o punto de vista psicosocial.

O ISSGA colabora neste evento cunha exposición sobre a promoción da saúde e actuacións do ISSGA en materia de riscos psicosociais impartida por:

  • Adela Quinzá-Torroja, directora do ISSGA, cun relatorio sobre a promoción da saúde e actuacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) en materia de riscos psicosociais

  • Nieves Lorenzo Espeso, xefa de Equipo de Medicina do Traballo do Centro ISSGA da Coruña, cun relatorio sobre o benestar das persoas no lugar de traballo: a importancia da promoción da saúde

  • María Jesús Copa Arias, xefa de Sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada, cun relatorio sobre as actuacións do ISSGA sobre os factores de risco psicosocial

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade  e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros acciones formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras  entidades e órganos técnicos especializados, de maneira que  se convertan  en focos de transmisión de saber preventivo.

A divulgación destes  coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos  laborais e así aparece recollido no Plan de actividades do ISSGA para este ano 2017.