Participamos nunha xornada sobre o sector forestal en Santiago de Compostela


Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2017. FEARMAGA (Federación Empresarial de Aserradores e Rematantes de Madeiras de Galicia) e a CEC (Confederación de Empresarios da Coruña) organizaron unha xornada sobre a coordinación de actividades empresariais no sector forestal para a posta en común, análise e debate de diferentes casuísticas na coordinación de actividades empresariais en materia preventiva no sector forestal.

O obxectivo desta acción formativa que tivo lugar na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) foi analizar a xestión da coordinación de actividades empresariais no sector e valorar que accións pódense levar a cabo que contribúan a unha maior concienciación e implicación sobre esta materia.

O ISSGA colaborou nesta actividade coa participación de Esther Varela Cerdeira, técnica do Centro ISSGA da Coruña, xunto coa Inspección de Traballo e Seguridade Social e a Fiscalía de Sinistralidade Laboral, nunha mesa sobre a situación actual e plan de futuro da coordinación de actividades empresariais no sector.

 

Grupo de traballo de prevención de riscos laborais no sector forestal do ISSGA

Este grupo de traballo constituíuse o pasado ano e ten como obxectivo a realización de actuacións que permitan mellorar as condicións laborais dos traballadores deste sector.

Actualmente continúa a traballar na elaboración de documentos técnicos conxuntos, ultimando os correspondentes ás fichas sobre árbores sentadas ou apoiadas, nas que se indican recomendación xerais e específicas para a correcta realización destes traballos e se lembran os aspectos máis importantes que se deben ter en conta nestas actividades. Tamén se segue avanzando nas pautas a seguir en casos de emerxencia.

Os plans de actividades do ISSGA dos últimos anos prestan unha especial atención a este sector, onde cómpre destacar o programa de redución de accidentes no sector forestal así como a elaboración de diverso material formativo e informativo que se unen ás diversas actividades formativas realizadas polo instituto nos seus centros e, como neste caso, en colaboración con outras entidades.