Hoxe remata no centro Issga de Ourense a segunda edición deste ano do curso básico de prevención de riscos laborais


  • Esta acción, de 35 horas de duración, contou cun total de 23 alumnos co obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo
  • A oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia
  • Trátase do noveno curso básico presencial dun total de 12 que se realizarán durante todo o 2017 nos centros provinciais do Issga
  • Participaron 10 alumnos con discapacidade auditiva que contaron coa asistencia dun intérprete de linguaxe de signos

Ourense, 15 de setembro de 2017.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), organismo dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, desenvolveu esta semana a segunda edición deste ano do curso básico de prevención de riscos laborais no seu centro de Ourense que remata hoxe.

Este curso contou cun total de 23 alumnos, dos cales 10 son alumnos con discapacidade auditiva que asisten a través da colaboración realizada coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) do ISSGA e contaron coa asistencia dun intérprete de linguaxe de signos, feito que tamén se repetirá no vindeiro curso básico que terá lugar no centro Issga de Pontevedra do 13 ao 17 de novembro.

Os obxectivos desta formación, de 35 horas de duración, son proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que os capaciten para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo.

Entre esas funcións de nivel básico, están a de promover os comportamentos seguros e a correcta utilización dos equipos de traballo e protección e fomentar o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada; realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación; colaborar na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias; actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios xestionando as primeiras intervencións para o efecto e, de ser o caso, cooperar cos servizos de prevención.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

Nesta liña, a oferta formativa do ISSGA, que se desenvolve tanto presencialmente nos seus centros provinciais, como en liña e a través da aula virtual, ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. Este é o noveno curso básico presencial dun total de 12 que se realizarán durante todo o 2017 nos centros provinciais do Issga.

A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención. Nesa liña, aparte deste programa formativo destinado á poboación traballadora e aos expertos en prevención, o Instituto desenvolve outras campañas e actividades que pretenden inculcar xa desde a infancia a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.

Esta actuación encádrase dentro do “Plan Anual de Actividades do ISSGA”, e forma parte da oferta formativa deste organismo para o ano 2017.