Hoxe reúnense os membros do grupo de traballo de prevención de riscos laborais no sector forestal do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA)


Santiago, 14 de setembro de 2017.- Esta mañá tivo lugar no edificio IGAPE_ISSGA no Complexo Administrativo de San Lázaro unha xuntanza dos membros deste grupo de traballo que ten como obxectivo a realización de actuacións que permitan mellorar as condicións laborais dos traballadores deste sector.

Moitos accidentes laborais poden ser evitados se se toman as medidas preventivas oportunas, pero tamén se se invisten esforzos na formación e capacitación dos traballadores.

Este grupo de traballo constituíuse o pasado ano e continúa a traballar na elaboración de documentos técnicos conxuntos, ultimando os correspondentes ás fichas sobre árbores sentadas ou apoiadas, nas que se indican recomendación xerais e específicas para a correcta realización destes traballos e se lembran os aspectos máis importantes que se deben ter en conta nestas actividades. Tamén se segue avanzando nas pautas a seguir en casos de emerxencia.

Os plans de actividades do ISSGA dos últimos anos prestan unha especial atención ás distintas actividades económicas do sector primario galego, entre as cales se atopan a actividade forestal e agrogandeira. Deste xeito, resaltamos o programa de redución de accidentes no sector forestal, cuxo fin é reducir a sinistralidade neste ámbito así como a elaboración de diverso material formativo e informativo dirixido aos traballadores e traballadoras do sector primario, con distintos formatos: guías de boas prácticas, trípticos, carteis, fichas divulgativas ou mesmo vídeos, que se unen ás múltiples actividades formativas realizadas e que se poden consulta na web do Issga.