Organizamos un curso de formación en liña específico para autónomos sobre prevención de riscos laborais


Ábrese o prazo de inscrición para participar nun curso de formación en liña específico para autónomos sobre prevención de riscos laborais que terá lugar entre o 17 de outubro e o 23 de novembro deste ano.

Os interesados poden anotarse a través dun formulario que se atopará en http://issga.xunta.gal/portal/contido/formacion/en-lina/curso_0006.html , enviar a súa solicitude por mail ao enderezo issga.formacion@xunta.gal, ou directamente nas asociacións de traballadores autónomos representadas nas Mesa do Autónomo.

A acción formativa, con 150 prazas e 35 horas, ten por obxectivo mellorar a formación dos autónomos, neste caso, en prevención de riscos laborais, xa que se proporcionará aos alumnos e alumnas a cualificación que se establece no anexo IV do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención. A través deste curso, os participantes poderán acceder, no caso de que se supere un exame final, a un certificado que os capacita para a realización das funcións de nivel básico en prevención de riscos laborais. A proba terá lugar o 23 de novembro ás 10,00 horas. O lugar do exame aínda está por determinar.

O programa que se impartirá centrarase nos conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo; riscos xerais e a súa prevención; riscos específicos do sector da actividade da empresa e a súa prevención; elementos básicos da xestión da prevención de riscos; primeiros auxilios; e prevención de riscos laborais desde a perspectiva de xénero.

Esta actuación enmárcase no obxectivo fixado na Axenda 20 para o Emprego de mellorar as cualificacións dos traballadores galegos para incrementar as súas oportunidades laborais, e encádrase tamén na Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo, con 163 medidas para reducir a sinistralidade no traballo, e na Estratexia Autónomo 2020 coa que o Goberno galego prevé favorecer o labor dos traballadores por conta propia cun presuposto de 160 millóns ata 2020, unha media de 40 millóns ao ano.