Participamos nunha xuntanza do grupo de Traballo da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo


Madrid, 21 de xullo de 2017.- Hoxe tivo lugar na sede do Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo, unha xuntanza do Grupo de Traballo da Estratexia Española de Seguridade e Saúde no Traballo 2015-2020 na que participou o subdirector xeral Técnico e de Planificación do ISSGA, Fernando González Abeijón.

Neste reunión traballouse no 2º Plan de acción da dita Estratexia que será de aplicación nos anos 2017-2018.

A Estratexia aséntase en dous principios fundamentais: a prevención e a colaboración. A prevención é o medio máis eficaz para reducir os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais, e a colaboración dos poderes públicos, os empresarios e os traballadores promove e impulsa a mellora efectiva das condicións de traballo.

A Estratexia foi acordada polas Administracións Públicas (Administración Xeral do Estado e Comunidades Autónomas) e os interlocutores sociais.

A premisa que en todo momento marcou o enfoque da Estratexia 2015-2020 foi a de crear un marco de referencia das políticas públicas preventivas que sexa dinámico, e que permita adaptarse con naturalidade aos cambios que se produzan nunha contorna en permanente evolución como é o da prevención de riscos laborais. Para iso evitouse prefixar de antemán medidas concretas en cada un dos obxectivos específicos, polo que aquelas iranse acordando e planificando, en función das necesidades, prioridades e recursos dispoñibles, en tres Plans de Acción que comprendan os seguintes períodos: 2015-2016, 2017-2018, 2019-2020. Deste xeito poderán ter cabida medidas que hoxe non contemplamos, pero que nos próximos anos poidan resultar imprescindibles pola súa relevancia ou urxencia.

Os Plans de Acción especificarán as entidades responsables para o desenvolvemento de cada medida, o prazo de execución e os indicadores de realización e, no seu caso, de impacto. Os indicadores de realización teñen como finalidade avaliar o grao de avance das medidas, e os indicadores de impacto, a efectividade das mesmas.