Colaboramos con Gas Natural Fenosa na realización dun curso de formación en materia de risco eléctrico


  • Esta actividade enmárcase no acordo marco de colaboración asinado entre o ISSGA e Gas Natural Unión Fenosa en materia de formación de risco eléctrico

A Coruña, 5 de xullo de 2017.- Hoxe desenvolveuse no Centro ISSGA da Coruña un curso de réxime especial de explotación de empresas contratistas de tala e poda en media e baixa tensión que contou coa participación de 70 traballadores cualificados e que tivo unha duración de 5 horas lectivas.

Os obxectivos  desta formación foron:

  • Informar o persoal de empresas, sobre as instrucións para aplicar para a prevención dos riscos existentes nas instalacións que garantan unha actuación segura de acordo coas esixencias das Leis 31/95 e 54/2003 de Prevención de riscos laborais e do R.D. 614/2001 sobre disposicións mínimas para a protección da saúde e a seguridade dos traballadores fronte ao risco eléctrico.

  • Informar o persoal de mantemento e limpeza de rúas dos riscos existentes na proximidade das  instalacións

  • Cooperar coas empresas na aplicación da normativa de prevención de riscos laborais

Este curso realizouse ao amparo do acordo marco de colaboración asinado en abril de 2010 entre o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e Gas Natural Unión Fenosa en materia de formación de risco eléctrico, e encadrase dentro das actuacións planificadas por Unión Fenosa Distribución para dar cumprimento ao establecido no R.d. 171/2004 que desenvolve o artigo 24 da lei de prevención de riscos laborais sobre coordinación de actividades empresariais.

O ISSGA, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros accións formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de xeito que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.

A divulgación destes coñecementos é unha parte fundamental da prevención de riscos laborais e así se recolle no seu Plan de actividades 2017, constituíndo un dos seus obxectivos recorrentes potenciar a formación en materia de prevención dos riscos laborais.