Analizamos en Ourense a prevención de trastornos musculoesqueléticos (TME) na atención a persoas dependentes


Ourense, 15 de xuño de 2017.- Os trastornos musculoesqueléticos (TME) constitúen un importante problema de saúde laboral que afecta a unha proporción significativa das persoas que traballan nos diferentes sectores produtivos (na Unión Europea o 25% dos traballadores quéixanse de dor de costas e o 23% de dor muscular) e unha causa de incapacidade laboral que provoca importantes custos para o traballador, as empresas e á sociedade en xeral e, polo tanto, é unha preocupación de todos os implicados, en especial das institucións de saúde laboral.

Algúns TME desenvólvense gradualmente ao longo do tempo e outros poden aparecer en situacións puntuais, practicamente instantáneas, por exemplo, ao realizar un único levantamento cunha gran cantidade de peso. Destes trastornos, a dor de costas é un dos problemas máis comúns e significativos e corresponde a unha categoría importante dentro dos accidentes de traballo.

A evidencia mostra unha estreita relación entre dependencia e idade; e aínda que a dependencia non é un problema que afecte só a maiores, máis do 32% das persoas que superan os 65 anos teñen unha discapacidade fronte ao 5% das de menos de 65 anos. O paulatino envellecemento da poboación leva a necesidade de poñer máis recursos para soster o cuarto alicerce do Estado de Benestar. Obviamente, entre estes destacan excesivamente os recursos humanos, indispensables para unha atención adecuada das persoas dependentes.

Os traballadores que prestan esta atención realizan tarefas que requiren unhas esixencias físicas que, de non estar correctamente organizadas e canalizadas, desembocan na xeración de molestias e trastornos musculoesqueléticos. Patoloxía relevante nesta actividade que nos responsabiliza, ao abrigo do Programa de prevención de riscos laborais en centros hospitalarios e en residencias de persoas maiores e con discapacidade incluído no Eixe 5: Programas sectoriais de redución da sinistralidade, de prevención de determinados riscos, e de promoción da saúde de colectivos de traballadores específicos, que ten o ISSGA no seu plan de actividades, a asesorar e informar ás entidades do sector sanitario e de atención residencial a persoas maiores e con discapacidade sobre os riscos laborais aos que están expostos, especialmente os asociados á carga física nestas actividades, principalmente por mobilización de persoas e os trastornos musculoesqueléticos (TME) que poden orixinar, sobre os métodos específicos de avaliación e sobre as intervencións preventivas para diminuír o risco, nun sector altamente feminizado.

Por estes motivos, nas últimas décadas asignáronse importantes recursos co obxectivo de incidir na redución da prevalenza da dor lumbar no lugar de traballo. Os procedementos de avaliación de riscos e o valor do índice MAPO serven de guía para escoller as medidas preventivas axeitadas, para priorizar as medidas de intervención, así como tamén para facilitar a recolocación dos traballadores con limitación para a mobilización de pacientes.

Ofrecer alternativas ao levantamento manual dos usuarios, en termos de axudas técnicas, formación e adecuación de espazos, é un dos obxectivos máis importantes dunha actuación ergonómica nos centros e persoas dependentes e constitúen os piares en todo programa de prevención dos TME.

Plan de riscos ergonómicos do Issga

Para a súa elaboración, o ISSGA contou coa colaboración de 125 empresas de 11 sectores económicos que empregan un total de 31.421 traballadores e traballadoras. Entre estas firmas figuran varios do sector de asistencia en establecementos residencias que empregan a máis de 4.000 traballadores e traballadoras.

Entres as conclusións deste estudo relacionadas co sector de asistencia en establecementos residenciais, cómpre destacar as seguintes:

  • A presenza do risco de mobilización de persoas:
    • Ten forte presenza no sector de asistencia en establecementos residenciais, onde un 29,3% da poboación realiza estas tarefas durante máis de catro horas ao día. Lévanas a cabo todas as empresas do sector.
  • A mobilización de persoas preséntase en todas as empresas de asistencia en establecementos residenciais; só a cuarta parte o avalía de forma específica. Ademais, é o sector no que en menos ocasións se propoñen medidas preventivas e no que en menos empresas se aplican os protocolos de vixilancia sanitaria.
  • o sector no que en menos empresas se aplican os protocolos de vixilancia sanitaria (unha cuarta parte delas NON os leva a cabo) e onde, proporcionalmente, menos traballadores/as os realiza ( 7,7%).
  • É o sector no que en menos ocasións propón medidas preventivas, un 37,5% das empresas NON as propón.
  • En canto á avaliación específica do risco:
    • Un 62,5% das empresas NON realiza unha avaliación específica do risco e o 25% non o fai para todos os postos.
    • O factor de mobilización de persoas avalíase nun 25% das empresas.

Durante esta acción formativa, comezouse cunha descrición da prevalenza dos TME na actividade, avaliouse o risco ergonómico por mobilización de persoas dependentes, onde se describirá o método MAPO, que é o máis adecuado para valorar o risco ergonómico neste colectivo. Este método incide, entre outros, en aspectos como: a descrición do ambiente de traballo ou tipo de mobilización de pacientes non autónomos, a formación recibida polos traballadores, ou equipamento existente para ou levantamento ou a transferencia de pacientes.

Tamén se deron a coñecer técnicas de manipulación manual e axudas mecánicas dispoñibles para minorar estes riscos e se analizaron situacións prácticas na mobilización de persoas con mobilidade reducida.