O centro Issga de Lugo imparte unha charla sobre primeiros auxilios no IES Lucus Augusti


Lugo, 18 de maio de 2017.- A charla ten un contido teórico e práctico sobre primeiros auxilios e serán impartidas por María García Díaz, técnica de prevención e especialista en enfermería do traballo do centro do ISSGA de Lugo, dende as 09.00 ata as 12.00 horas.

Está destinada a uns 20 alumnos do IES Lucus Augusti de Lugo dos seguintes ciclos:

  • 1º CICLO MEDIO. OPERACIÓNS DE LABORATORIO (OL)
  • 1º CICLO SUPERIOR. LABORATORIO DE ANÁLISE E CONTROL DE CALIDADE (LACC)

Unha das funcións máis importantes do Issga é a de colaborar coa autoridade educativa, a universidade e os centros de investigación para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos de prevención de riscos laborais.

A introdución da cultura preventiva en etapas anteriores á incorporación das persoas á actividade laboral xera unha conciencia consolidada, e a vía máis operativa para isto é a través do sistema educativo. Así, a prevención de riscos laborais debe promoverse en todas as etapas do sistema educativo.

Por isto, o ISSGA desenvolve actividades que teñen por finalidade mellorar a información, sensibilización e formación no eido da prevención de riscos laborais na poboación escolar nos diferentes niveis educativos da educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e o apoio técnico ao profesorado.

Así, cómpre colaborar coa consellería competente en materia de educación na realización de actuacións nos centros educativos para promover a adquisición dunha cultura preventiva no eido laboral dos mozos e das mozas da Comunidade Autónoma de Galicia, inculcándolles condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que como futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.