Impartimos unha charla sobre o regulamento REACH na Universidade de Santiago de Compostela


Santiago de Compostela, 18 de abril de 2017. Hoxe impartimos na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) unha charla sobre “O Regulamento REACH: novo marco europeo para as substancias químicas”. A relatora é Lucía Ferrón Vidán, xefa de Sección de Hixiene Industrial do ISSGA e doutora en Bioloxía pola USC.

A lexislación da Unión Europea sobre produtos químicos está orientada a protexer a saúde humana e o medio ambiente e evitar as barreiras ao comercio. Está composta de normas que regulan a comercialización e o uso de distintas categorías de produtos químicos, dun conxunto de restricións harmonizadas sobre a introdución no mercado e a utilización de determinadas substancias e preparados perigosos e de normas que regulan os accidentes graves e as exportacións de substancias perigosas. O principal logro da Unión é o Regulamento REACH, que regula o rexistro, a avaliación e a autorización de tales substancias, así como as restricións que poidan aplicarse a elas.

O Regulamento (CE) nº 1907/2006 (en diante denominado REACH, acrónimo de Rexistro, Avaliación, Autorización e Restrición de substancias e mesturas químicas) entrou en vigor o 1 de xuño de 2007 e ten como obxectivo principal mellorar a protección para a saúde humana e o medio ambiente fronte ao risco que pode levar a fabricación, comercialización e uso das substancias e mesturas químicas.

En principio o REACH refírese a substancias (produtos puros) soas, en mesturas (preparados) ou en artigos, definidos estes últimos como obxectos que, durante a súa fabricación, reciben unha forma, superficie ou deseño especiais que determinan a súa función de maneira máis importante que a súa composición química. Son exemplos de substancias contidas en artigos: os refrixerantes, os lubricantes, os propelentes ou os illantes, e considéranse dentro do REACH cando ao longo da vida útil do artigo no que se achan e considerando o seu uso normal, poden desprenderse del e afectar á saúde das persoas ou ao medio ambiente.

A filosofía de aplicación do REACH é que afecta a todas as substancias químicas, aínda que existen unha serie de excepcións, sendo, por tanto, de aplicación en sectores económicos de índole diversa.

Para cumprir coas disposicións do REACH as empresas deben identificar e xestionar os riscos asociados ás substancias que fabrican e comercializan na Unión Europea. Deben demostrar como usar ditas substancias de maneira segura e comunicar toda aquela información relativa ás medidas de xestión de riscos ás partes implicadas.

Esta acción formativa pretende proporcionar unha visión máis especializada e ampla que a puramente académica que axude a comprender aos alumnos a complexidade e repercusións deste regulamento europeo, especialmente na prevención de riscos laborais.

O Issga, como órgano técnico en materia de seguridade e saúde laboral da Administración galega, debe ser referente na difusión do coñecemento en materia preventiva, concentrando nos seus centros acciones formativas, non só propias, senón tamén en colaboración con outras entidades e órganos técnicos especializados, de maneira que se convertan en focos de transmisión de saber preventivo.