Preto de 200 persoas asistiron as xornadas formativas sobre construción que tiveron lugar nos centros Issga de Ourense, Lugo e A Coruña


A Coruña, 30 de setembro de 2016.- O Centro ISSGA da Coruña acolleu hoxe a terceira e derradeira das xornadas técnicas sobre Obras de construción sen proxecto e de emerxencia que tiveron lugar nos centros do instituto de Ourense, Lugo e A Coruña, respectivamente.

Preto de duascentas persoas estiveron presentes nestas actividades formativas nas que se informou aos profesionais da prevención, técnicos, construtores e promotores sobre a xestión da prevención de riscos laborais nas obras que non requiren proxecto ou nas obras de emerxencia.

Ao abeiro dos obxectivos que se recollen nas sucesivas estratexias de seguridade e saúde no traballo, que constitúen os instrumentos principais para establecer o marco xeral das políticas de prevención e polas que se aproban os Plans de actuación do Issga, se realizan actuacións continuas no sector da construción, polas súas especiais peculiaridades e dificultades no eido da integración da prevención.

Entre as principais actuacións do Issga neste ámbito figuran, ademais das actividades formativas como a que tivo lugar este días, o asesoramento e control das accións técnico preventivas que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e a prestación ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas, de asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.

Estas xornadas formativas foron posibles grazas á colaboración dos relatores que se indican de seguido, que ao longo destas xornadas debullaron os distintos aspectos da particularidade deste tipo de obras, en primeiro lugar, dende o ámbito normativo, pasando a continuación a abordar os aspectos técnicos e as casuísticas particulares, tanto no ámbito da edificación como no da obra civil, así como, na xornada que tivo lugar en Lugo, unha visión da xestión da prevención  neste tipo de obras realizadas nas comunidades de propietarios, coas súas particularidades e obrigas.

  • OBRAS DE CONSTRUCIÓN SEN PROXECTO E DE EMERXENCIA. COORDINACION DE ACTIVIDADES EMPRESARIAIS

Pablo Orofino Vega. Subdirector Técnico do  Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT)

  • SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL EN OBRAS DE EDIFICACIÓN SEN PROXECTO

Antonio Carballo Couñago. Representante do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos

  • PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS EN OBRAS PÚBLICAS SEN PROXECTO E DE EMERXENCIA

Jose Manuel Gallego Martín. Coordinador de Prevención da Unidade Territorial 1: Galicia-Asturias-Cantabria do Grupo Tragsa

  • OBRAS REALIZADAS NAS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS. PARTICULARIDADES E OBRIGAS

Juan Carlos Vázquez Liz. Técnico SPM da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC)