A segunda da xornadas sobre prl en construción reúne un Lugo a case setenta persoas


Lugo, 29 de setembro de 2016.- O Centro ISSGA de Lugo acolleu hoxe a segunda das tres xornadas técnicas sobre Obras de construción sen proxecto e de emerxencia que están tendo lugar nos centros do instituto de Ourense, Lugo a A Coruña, respectivamente.

Preto de setenta persoas estiveron presentes neste acto cuxo obxectivo é informar aos profesionais da prevención, técnicos, construtores e promotores sobre a xestión da prevención de riscos laborais nas obras que non requiren proxecto ou nas obras de emerxencia.

O sector da construción, tanto da edificación coma da obra pública, supón unha porcentaxe importante da sinistralidade na nosa comunidade autónoma, dado que é un sector con un índice de incidencia superior ao do conxunto de sectores.

Ao abeiro dos obxectivos que se recollen nas sucesivas estratexias de seguridade e saúde no traballo, que constitúen os instrumentos principais para establecer o marco xeral das políticas de prevención e polas que se aproban os Plans de actuación do Issga, se realizan actuacións continuas no sector da construción, polas súas especiais peculiaridades e dificultades no eido da integración da prevención.

Entre as principais actuacións do Issga neste ámbito figuran o asesoramento e control das accións técnico preventivas que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e a prestación ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas, de asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.

Ao longo da xornada os relatores debullaron os distintos aspectos da particularidade deste tipo de obras, en primeiro lugar, dende o ámbito normativo, pasando a continuación a abordar os aspectos técnicos e as casuísticas particulares, tanto no ámbito da edificación como no da obra civil.

Pablo Orofino Vega, subdirector Técnico do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), expuxo dúas NTP, a 1071 e a 1072 de recente publicación sobre o tema específico desta xornada, así como a abordaxe do tema da coordinación de actividades empresariais nas obras de construción en relación coas NTP 1052 e 1053 e finalizou enlazando co documento sobre as Directrices básicas para a integración da prevención de riscos laborais nas obras de construción.

Continuou a xornada coa intervención dun representante do Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, colectivo que ten moita relevancia dentro da coordinación no sector, mediante a súa intervención nas obras de edificación, especialmente como coordinadores en fase de execución.

De seguido, interveu  un representante da empresa pública Tragsa, que deu a súa visión baseada na experiencia na realización de obras públicas de emerxencia.

Por último, destacar que nesta xornada houbo unha exposición a cargo da Asociación Provincial de Empresarios da Construción de Lugo que ofreceu a súa visión da xestión da prevención  neste tipo de obras realizadas nas comunidades de propietarios, coas súas particularidades e obrigas.