Hoxe desenvolvemos no Centro Issga de Lugo unha xornada técnica sobre a importancia de avaliar os riscos ergonómicos


  • O seu obxectivo é proporcionar os fundamentos técnicos básicos para o manexo dos distintos métodos de avaliación de riscos ergonómicos, ofrecendo tamén as medidas preventivas axeitadas trala aplicación de ditas ferramentas e, de xeito complementario, continuar coa difusión dos resultados do “Mapa de risco ergonómico de Galicia” elaborado polo Issga.

Lugo, 8 de marzo de 2018. No ámbito laboral, os trastornos musculoesqueléticos (TME) son unha das enfermidades máis frecuentes e supoñen un importante problema de saúde, tanto polo custo na calidade de vida da-s persoas como polo custo económico e social que supón para as organizacións.

En Europa uns 40 millóns de traballadores padecen TME causados polo traballo. Os sobreesforzos continúan sendo a primeira causa de accidente de traballo con baixa e a súa incidencia na poboación española non deixou de crecer desde hai máis de 20 anos; así mesmo, en España, os sobreesforzos supoñen unha terceira parte dos accidentes de traballo en xornada laboral e a maioría das enfermidades profesionais comunicadas foron lesións de tipo musculoesquelético. A primeira causa de incapacidade temporal por enfermidade común é a lumbalxia. En conxunto, estes datos estatísticos evidencian a repercusión e importancia que ten este problema a todos os niveis.

Así mesmo, nas enquisas de condicións de traballo reflíctese a ampla exposición dos traballadores e traballadoras aos factores de risco que poden contribuír á aparición de TME. En concreto, máis dun 80% dos traballadores enquisados sinala que está exposto asiduamente a algún aspecto relacionado coas demandas físicas do seu posto de traballo, sendo as máis habituais: repetir os mesmos movementos de mans ou brazos e adoptar posturas dolorosas ou fatigantes. Ademais, a porcentaxe de traballadores que sente algunha molestia atribuible a posturas e esforzos derivados do traballo supera o 75%, figurando entre as molestias máis frecuentes as localizadas na zona baixa das costas, a caluga/pescozo e a zona alta das costas.

En suma, todos estes datos mostran a dimensión e gravidade do problema e a necesidade de seguir avanzando na mellora de mecanismos para a súa prevención e o seu coñecemento.

Ao abeiro dos obxectivos que se recollen nas sucesivas estratexias de seguridade e saúde no traballo, que constitúen os instrumentos principais para establecer o marco xeral das políticas de prevención e polas que se aproban os Plans de actuación do Issga, se realizan actuacións continuas no ámbito da ergonomía, tanto a través de programas específicos dirixidos á promoción da prevención e redución da sinistralidade (programa de loita contra accidentes por sobreesforzos así como o actual programa de riscos ergonómicos) como de xeito transversal a través dos distintos programas de promoción da saúde de colectivos específicos de traballadores (maiores de 55 anos, persoas especialmente sensibles, maternidade, atención á dependencia, etc.).

Entre as principais actuacións do Issga neste ámbito figuran o asesoramento e control das accións técnico preventivas que se realicen nas empresas para elevar a protección da seguridade e a saúde dos traballadores e traballadoras, e a prestación ás empresas, con especial atención ás pequenas e medianas, de asesoramento e asistencia técnica para o mellor cumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.

Nesta acción formativa partimos de dous obxectivos xerais, por unha banda, continuar coa difusión do Mapa de riscos ergonómicos, documento elaborado polo Issga que persigue a identificación dos factores de risco laboral en relación a carga física (posturas forzadas, manipulación de cargas, movementos repetitivos, aplicación de forzas etc.), e as actividades nas que se están a xerar TME; e pola outra, analizar os riscos ergonómicos dende a perspectiva das metodoloxías existentes para a súa identificación, avaliación e aplicación de medidas preventivas no ámbito laboral, especialmente sociosanitario, coa finalidade de achegar e dar a coñecer distintas ferramentas metodolóxicas a técnicos de prevención de riscos laborais, empresarios e traballadores en xeral interesados na materia.

O desenvolvemento desta xornada foi posible grazas aos seguintes relatores:

  • María Jesús Copa Arias, Xefa da sección de Ergonomía e Psicosocioloxía Aplicada do Issga

  • Gustavo Adolfo Rosal López. Enxeñeiro do factor humano en PrevenControl e secretario da Asociación Española de Ergonomía (AEE)

  • Nieves Alcaide Altet e Isabel Nos Piñol. Técnicas nas Unidades Básicas de Prevención dos Hospitais Germans Trias i Pujol e de Bellvitge, do Institut Català de la Salut.

  • Alberto Villarroya López. Hospital Universitario Lucus Augusti. Servizo Galego de Saúde