Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo 2022


Data de inicio: 25 de Abril , 2022
Data de fin: 28 de Abril , 2022
Ámbito: Internacional
Lugar de celebración:


Actuar xuntos para construír unha cultura de seguridade e saúde positiva.

O Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo celebrarase o 28 de abril. A Organización Internacional do Traballo (OIT) para o 2022 escolleu como lema “Actuar xuntos para construír unha cultura de seguridade e saúde positiva” e centrarase na participación e o diálogo social na creación dunha cultura de seguridade e saúde positiva.

Este ano a OIT destaca que durante a pandemia de COVID-19 observamos que contar cun sistema de seguridade e saúde no traballo (SST) sólido, que inclúa unha participación efectiva dos Gobernos, os empregadores, o persoal traballador, os actores da saúde pública e todas as partes relevantes a nivel nacional e empresarial, foi decisivo para protexer as contornas de traballo e salvagardar a seguridade e a saúde dos traballadores.

Mediante un diálogo social eficaz, os Gobernos e os interlocutores sociais participan activamente en todas as etapas dos procesos de toma de decisións en materia de SST. Reviste especial importancia desde o desenvolvemento e a revisión da política de SST e os marcos normativos para abordar os retos persistentes e novos de SST ata a aplicación concreta no lugar de traballo. O diálogo social non só contribúe a mellorar as políticas e estratexias en materia de SST, senón que tamén é esencial para fomentar a apropiación e o compromiso, facilitando o camiño para a súa rápida e máis eficaz posta en práctica.

No lugar de traballo, unha cultura de SST sólida é aquela en a que tanto a dirección como o persoal traballador valoran e promoven o dereito a unha contorna de traballo seguro e saudable. Unha cultura de SST positiva baséase na inclusión, mediante a participación significativa de todas as partes na mellora continua das condicións de seguridade e saúde no lugar de traballo. Nun lugar de traballo cunha cultura de SST sólida, as persoas traballadoras séntense cómodas expondo as súas preocupacións sobre posibles riscos ou perigos para a SST no lugar de traballo e a dirección colabora activamente con elas para atopar solucións adecuadas, eficaces e sustentables. Para iso é necesario establecer unha comunicación aberta e un diálogo baseado na confianza e o respecto mutuo.

Mentres seguimos vivindo unha crise sanitaria mundial e enfrontámonos a continuos riscos en materia de SST no mundo do traballo, debemos seguir avanzando na construción dunha cultura de seguridade e saúde sólida a todos os niveis.

Con motivo desta celebración o ISSGA organiza e colabora con outras entidades en diversas actividades formativas e actos que se indican a continuación:

Actividades organizadas polo ISSGA:

  • 26 de abril de 2022. Presentación da Escola Galega de Prevención do ISSGA instalada no seu centro da Coruña. É un espazo que amosa o esencial das distintas disciplinas preventivas e vincula o traballo da PRL a outros aspectos da seguridade como a saúde, os ODS, etc. Trátase dun espazo dinámico e moi visual. 

  • 28 de abril de 2022. Webinar “Saúde e teletraballo

  • 28 de abril de 2022. Presentación da Campaña do ISSGA para a redución dos accidentes non traumáticos no ámbito laboral

Colaboración do ISSGA noutras actividades

  • 25 de abril de 2022. Xornada de presentación da Campaña de información e sensibilización para a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais no sector pesqueiro de Galicia, organizada por FUNDAMAR. 

  • 27 de abril de 2022. Xornada “O amianto no marco actual: inspección, análise e medicións” organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC).

  • 28 de abril de 2022. Webinar sobre o amianto e os concellos, organizado por Bureau Veritas.

  • 28 de abril de 2022. I Simposio PRL Santiago “Prevención de riscos laborais no ámbito sanitario” organizado pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais (UPRL) - Medicina Preventiva. Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza do Sergas.

  • 28 de abril de 2022. Participación técnica nunha xornada sobre risco psicosocial organizada polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia na súa sede da Coruña. 

  • 28 de abril de 2022. Xornada “A pé de monte con seguridade” organizada por Lugo Madera.