Corta o risco químico, peitea con seguridade. Prevención en salóns de peiteado


O porqué da campaña

O ISSGA ten a condición de órgano encargado da execución e coordinación das políticas de PRL que se deseñan, co consenso dos interlocutores sociais, pola Xunta de Galicia. Entre as súas funcións está a de efectuar plans e accións formación e información en relación coa seguridade e a saúde laborais.

O ámbito de actuación do Instituto abrangue a todas as empresas e á totalidade de traballadores e traballadoras galegas, incluído tamén o emprego autónomo e con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

Doutra banda, a Comisión para a Integración da Igualdade, órgano propio do Issga de carácter asesor nos aspectos relacionados coa integración da igualdade nas políticas de PRL no que participan os interlocutores sociais, fixa como actuacións prioritarias a realización de campañas destinadas a sectores feminizados para a promoción da saúde no traballo.

As persoas que traballan no sector relacionado cos salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza, maioritariamente mulleres, poden padecer patoloxías respiratorias e dermatite, que poden ser de natureza alérxica, debido a determinadas substancias químicas presentes como ingredientes dos produtos que manipulan, que, aínda estando en pequenas cantidades, son as causantes dos danos á saúde aos profesionais que os aplican.

Todos estes danos pódense evitar aplicando as medidas necesarias de prevención tendo o empresario a obriga de determinar a existencia do risco químico en cada posto de traballo co obxectivo de eliminalo ou reducilo ao mínimo posible. Para isto é indispensable saber identificar cales son os axentes químico perigosos así como as súas características de perigosidade actuar implantando as medidas de prevención que sexan necesarias. A identificación destas substancias perigosas presentes nos cosméticos pode ser complexa e por iso hai que prestar un asesoramento especializado a este colectivo.

A documentación técnica e divulgativa elaborada polo Issga para esta campaña pretende proporcionar información para que as persoas que traballan neste oficio aprendan a identificar tanto os ingredientes dos produtos, como as prácticas de traballo inadecuadas e as condicións dos locais que poden xerar riscos para a saúde co obxecto de implantar as medidas correctoras necesarias para conseguir lugares de traballo saudables.

Esta campaña figura no plan de actuación do Issga co título “Corta o risco químico, peitea con seguridade”, e encádrase nun grupo de diferentes campañas dirixidas a determinadas actividades con riscos específicos, en particular con risco químico, e que prestan especial atención ás pemes, micropemes e emprego autónomo para a promoción e sensibilización na PRL. Inclúe as seguintes medidas:

  • Difundir ao persoal traballador do sector os materiais elaborados para a campaña: documento informativo, carteis e material promocional (vídeo e banner)

  • Formación preventiva ao persoal traballador dos salóns de peiteado

  • Fomentar as prácticas de traballo seguras, buscando a colaboración das asociacións e entidades representativas do sector.

O mesmo tempo a campaña dá cumprimento ás actuacións recollidas no plan e dirixidas á promoción da prevención en sectores e actividades económicas que teñen a característica de estar feminizados ou contar cunha alta presenza de mulleres.

Con dita planificación o Issga tamén dá cumprimento ás previsión da Estratexia Galega de SST 2017-2020 (prorrogada):

  • Levando a cabo actuacións de promoción, apoio e asesoramento técnico en materia de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo e sobre a correcta identificación e avaliación de riscos específicos.

  • Desenvolvendo campañas destinadas á concienciación e sensibilización en materia de seguridade e saúde no traballo, destinadas á sociedade en xeral con especial atención a aqueles riscos que poidan causar consecuencias máis graves sobre a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras e/ou precisen de maior cualificación técnica.

  • Promovendo o coñecemento da prevención de riscos laborais nas Pemes e microempresas mediante a elaboración e difusión de material divulgativo práctico e orientado as súas necesidades.

  • Potenciando a participación e implicación dos interlocutores sociais no ámbito da prevención de riscos laborais

Obxectivo e destinatarios

  • Obxectivo: concienciación e integración da prevención do risco químico en salóns de peiteado e tratamentos de beleza polo uso continuo e cotiá de tinguiduras e outros produtos.

  • Destinatarios: persoas traballadoras de salóns de peiteado, alumnos dos ciclos de FP cun futuro nesta actividade e das academias de aprendizaxe do oficio.

Difusión e soportes

Soportes:

  • Documento informativo e carteis, (en formato dixital e impreso) e outro material promocional (incluíndo vídeo e banner).

O contido base recóllese no material elaborado especificamente polo Issga (documento informativo e cartel divulgativo) para esta campaña “Corta o risco químico, peitea con seguridade”, que alerta e informa sobre:

      • cales son os riscos para a saúde máis relevantes,

      • que ingredientes dos produtos cosméticos poden orixinar danos á saúde,

      • a forma correcta de traballar, as condicións mínimas dos locais e outras recomendacións preventivas no salón de peiteado extensibles á aplicación doutros tratamentos de beleza.

  • Talleres formativos: cursos de formación de 4 horas de duración dirixidos a persoal traballador do sector e persoal en formación con contidos axustados ao material elaborado polo Issga para a campaña.

Distribución

Tanto a distribución do material informativo como a organización dos talleres realizarase polo Issga a través das asociacións do sector que abrangue salóns de peiteado e outros tratamentos de beleza, asociacións de persoas autónomas, asociacións de empresarios e de mulleres empresarias, academias e centros de formación de FP que imparten ciclos formativos relacionados co sector.