Promoción da saúde no traballo


O Programa europeo de promoción da saúde nos centros de traballo, liderado polo Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo, ten por obxectivos mellorar a organización e as condicións de traballo, promover a participación activa e fomentar o desenvolvemento individual.

O ISSGA, adheríndose a este programa, pretende propiciar que empresas galegas traballen nesta contorna máis aló das súas obrigacións en materia de prevención de riscos laborais.

A posta en marcha do proxecto “Empresas Seguras, Saudables e Sustentables” responde o interese de recoñecer o traballo das empresas no ámbito da mellora da saúde e benestar dos seus traballadores, así como promover a cultura da saúde, e o intercambio de experiencias empresariais.

 

Ser unha empresa segura, saudable e sustentable significa, ademais do cumprimento legal en prevención de riscos laborais:

- Xestionar a saúde dos traballadores desde un enfoque integral e integrado.

- Considerar a saúde en todas as políticas da empresa.

Calquera empresa ou organización, con independencia do seu tamaño, titularidade ou sector, pode solicitar a súa adhesión e manifestar o seu compromiso coa Declaración de Luxemburgo e, se o desexa e cumpre cos criterios de calidade elaborados pola ENWHP, pedir o seu recoñecemento e acreditación como empresa Segura, Saudable e Sustentable.

O ISSGA celebrou o 25 de abril no seu centro da Coruña unha xornada técnica na que deu a coñecer todos estes aspectos que axuden a deseñar empresas seguras e saudable. Na ligazón que figura al final desta páxina ten máis información sobre esta actividade formativa.

 

Fundamentos

A saúde é o resultado da interacción dunha serie de factores ligados á bioloxía humana, aos hábitos de vida, ás crenzas e actitudes das persoas, ás contornas laboral e extralaboral, aos servizos de saúde e a unha serie de factores transversais como o desenvolvemento económico, tecnolóxico, cultural e demográfico.

O modelo para unha boa xestión da saúde no traballo atópase na combinación dinámica, simultánea e complementaria de dúas formas de actuación: a redución dos factores de risco e o desenvolvemento do benestar físico, mental e social.

 

Isto supón a protección e a promoción da saúde dos traballadores e traballadoras da empresa a través do esforzo común de empresarios (mediante a creación de contornas seguras e saudables) e dos traballadores (coidando do seu propio benestar), coa participación e compromiso de todos eles.

Baseada na definición de promoción da saúde aparecida na carta de Ottawa (OMS, Xenebra, 1986), a Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo (ENWHP) acordou no ano 1997 a seguinte definición:

A promoción da saúde no traballo é axuntar os esforzos dos empresarios, os traballadores e a sociedade para mellorar a saúde e o benestar das persoas no lugar de traballo. Isto pódese conseguir combinando actividades dirixidas a:

    1. Mellorar a organización e as condicións de traballo.

    2. Promover a participación activa.

    3. Fomentar o desenvolvemento individual.

 

O proxecto de promoción da saúde no traballo desenvolvido polo INSHT en colaboración coa ENWHP ten como principais obxectivos:

 

Obxectivos inmediatos:

·         Fomentar o traballo en rede e o intercambio de ideas e experiencias.

·         Mellorar a comprensión do concepto de promoción da saúde no traballo.

·         Mellorar o coñecemento, as habilidades e a confianza no desenvolvemento de intervencións de Promoción da saúde no traballo

 

Obxectivos a curto prazo:

·         Mellorar a colaboración e o partenariado en promoción da saúde no traballo.

·         Mellorar a capacidade das empresas na planificación, execución e avaliación de iniciativas de promoción da saúde no traballo.

·         Lograr o apoio de organizacións e intermediarios na difusión da promoción da saúde no traballo.

·         Aumentar o número de intermediarios que participan e fomentan intervencións de promoción da saúde no traballo.

 

Obxectivos a longo prazo:

·         Mellorar a calidade e a efectividade da planificación e desenvolvemento de intervencións de promoción da saúde no traballo en España.

·         Aumentar o número de traballadores españois expostos a iniciativas de promoción da saúde no traballo.

  

As características dunha boa xestión da saúde no traballo pódense resumir en:

 

·         Un deseño sistemático de programas que melloren a saúde do traballador e da organización.

·         A creación dunha cultura da saúde que satisfaga as necesidades tanto da empresa como do traballador.

·         Unha xestión da saúde que se integre no plan estratéxico da empresa porque é bo para a saúde do traballador e para a produtividade, eficiencia e competitividade da empresa.

·         Unha metodoloxía que axude ás persoas para conseguir unha saúde óptima (emocional, física, social, espiritual e intelectual).

·         Unha metodoloxía que utilice diversas estratexias para mellorar o coñecemento que sobre a saúde teñen os traballadores e demais actores relevantes e para poñer á súa disposición unha contorna de traballo que protexa a saúde das persoas e que apoie e reforce as eleccións saudables.

 

Os principais elementos deste procedemento son:

·         Unhas condicións de traballo melloradas, en busca da calidade e a sustentabilidade do traballo, onde a saúde e a seguridade dos traballadores está asegurada e nas que se cumpren e exceden os requirimentos legais da normativa vixente.

·         Uns hábitos de vida saudables considerando nas intervencións como pode a contorna de traballo facilitar e apoiar hábitos, comportamentos e habilidades para lidar coa vida de forma saudable.

·         Unha contorna facilitadora no que a cultura da organización reforza e defende uns valores éticos que aseguran un trato respectuoso e xusto dos traballadores.

 

Estratexias

Son varias as estratexias que podemos utilizar para cumprir os nosos obxectivos. Estratexias que deben traducirse en accións e cuxo uso combinado vai xerar os resultados desexados. Segundo a carta de Ottawa, as estratexias principais a considerar nos programas de PST son:

 

·         Sensibilización, información: informar de que hai un risco X.

·         Formación, habilidades: formar sobre como facer fronte ao risco X.

·         Creación de contornas promotoras de saúde: creación dunhas condicións de traballo que permiten facer fronte a un risco X con facilidade.

·         Desenvolvemento dunha política empresarial: posta en marcha de políticas que reduzan o risco X ou que faciliten o control por parte dos traballadores.

 

Escenarios

Durante moitos anos, priorizouse a saúde individual. En cambio, as nosas vidas desenvólvense na nosa comunidade, no lugar onde traballamos, nas escolas e nos lugares nos que gozamos do noso tempo de lecer, polo que é cara a estes contextos que deben dirixirse tamén as accións para protexer e mellorar a nosa saúde e a de quen nos rodea.

O lugar de traballo considérase como un importante escenario para a actividade de promoción da saúde polas seguintes razóns:

·         As estruturas para promover a saúde e a seguridade xa existen, e poden utilizarse facilmente para presentar as actividades dirixidas a esta finalidade.

·         O lugar de traballo ofrece un potencial enorme para chegar a un gran número de persoas e dar información e asistencia para mellorar a súa saúde e benestar. Ademais, algunhas destas persoas están en grupos de risco que, pola contra, serían de difícil acceso.

·         A promoción da saúde no traballo é un interese común dos empresarios e os empregados.

·         O recoñecemento, por parte de organizacións avanzadas, de que a xestión do seu capital humano é tanto ou máis importante que a xestión dos seus recursos financeiros. A saúde dos traballadores e a súa aptitude para o traballo están estreitamente vinculadas, e son factores crave para unha maior eficacia, competitividade e produtividade.

 

Hai que considerar tamén que existen diferentes tipos de organizacións, polo que deberán incorporarse axustes específicos en función de se son:

·         Grandes organizacións.

·         Pequenas e medianas empresas (PEMES).

·         Administracións públicas.

·         Centros de saúde (Ex., hospitais).

·         Centros de educación (Ex., escolas).

·         Outros.

 

Finalmente, algunhas organizacións deben considerarse como potenciadoras do impacto da PST a ámbito rexional ou nacional en calquera tipo de empresa. É o caso de:

·         Organizacións empresariais e sectoriais.

·         Sindicatos.

·         Cámaras de comercio.

·         Mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

·         Servizos de prevención de riscos laborais.

 

A promoción da saúde no traballo na práctica

Os estudos realizados en diferentes países, tanto en Europa como en Estados Unidos, Australia e Canadá, demostran que os programas de promoción da saúde no traballo reducen os custos directos asociados á asistencia sanitaria, pero tamén ao absentismo por enfermidade, á rotación de persoal e á sinistralidade laboral. Esta evidencia, cada vez máis sólida, non debería ser pasada por alto polas empresas, sobre todo se queren ser sustentables e competitivas.

A mellora da saúde dos traballadores non ten por que ser gravosa para os empresarios e os beneficios son múltiples tanto para as empresas como para os traballadores. A promoción da saúde no traballo:

·         Axudará á empresa para conseguir os seus obxectivos.

·         Mellorará a saúde e o benestar dos traballadores.

·         Conseguirá unhas condicións de traballo máis seguras e saudables.

 

Na posta en marcha e execución dun programa de promoción da saúde no traballo (PST) é imprescindible a participación de todos, tal e como se apunta na Declaración de Luxemburgo. Isto require o compromiso de traballadores e dos seus representantes, da Dirección e dos mandos intermedios.

Ata a data, e como resultado da participación do INSHT nas iniciativas conxuntas da Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo (ENWHP), 21 empresas españolas foron recoñecidas como modelos de boas prácticas en promoción da saúde no traballo.