Mapa de Risco Ergonómico


Os trastornos músculo esqueléticos (TME) son unha das enfermidades de orixe laboral máis comúns, que afectan a traballadores e traballadoras de todos os sectores de actividade e supoñen un elevado custo socioeconómico. Por este motivo, é moi importante a prevención ou redución dos factores de risco que poden causar este tipo de lesións.

Os TME abranguen unha extensa gama de problemas de saúde. Pódeselles dividir en dous grupos principais: dor e lesións dorsolumbares e lesións causadas por esforzos repetitivos. Poden afectar tanto ás extremidades superiores como ás inferiores, e está demostrado que teñen unha estreita relación co traballo. Entre as causas físicas dos TME cabe citar: os movementos manuais, a manipulación de cargas, as malas posturas e os movementos forzados, os movementos moi repetitivos, os movementos manuais enérxicos, a presión mecánica directa sobre os tecidos corporais, as vibracións ou os ámbitos de traballo fríos. Ademais destas, tamén son importantes as causas relacionadas coa organización do traballo.

En Galicia, así coma noutras comunidades, prodúcense altas exposicións aos factores de risco asociados a TME e entre as lesións laborais máis frecuentes están os accidentes de traballo por sobreesforzo e as enfermidades profesionais osteoarticulares.

O ISSGA, consciente desta problemática, incluíu no Plan de Actividades do ano 2011 un proxecto que consiste na elaboración dun “MAPA DE RISCO ERGONÓMICO DE GALICIA”. O obxectivo deste proxecto é o de recoller datos sobre a presenza do risco, a avaliación deste e as medidas preventivas que se toman nas empresas da nosa comunidade autónoma para poder así exercer o noso labor con coñecemento da situación e actuar preventivamente, prestando asesoramento e asistencia técnica centrada na correcta xestión do risco ergonómico asociado a carga física.

O proxecto desenvólvese en varias fases, de forma que se actuará nos distintos SECTORES de actividade, e se utilizará como ferramenta básica un CUESTIONARIO. Nunha primeira fase seleccionáronse 100 empresas das seguintes actividades económicas:

- Asistencia en establecementos residenciais
- Servizos a edificios e actividades de xardinaría
- Confección de pezas de vestir
- Fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques
- Comercio polo miúdo, agás de vehículos de motor e motocicletas


DOCUMENTOS ELABORADOS POLO ISSGA QUE PODE DESCARGAR:

- CUESTIONARIO para cumprimentar polas empresas.
- Información complementaria ao cuestionario.