Información sobre o risco químico: cambios na etiquetaxe e na FDS


A etiqueta constitúe a primeira fonte de información sobre un produto químico. O considerar e clasificar unha substancia ou unha mestura de substancias químicas como perigosa ven determinado regulamentariamente. Igualmente ven determinado por lexislación o envasado e etiquetaxe dos produtos químicos perigosos.

O CLP ou Regulamento CLP (en inglés “classification, labeling and packaging”) é o novo regulamento europeo sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas químicas. Esta lexislación introduce na Unión Europea un novo sistema para clasificar e etiquetar produtos químicos que está baseado no Sistema Globalmente Harmonizado das Nacións Unidas (SGA da ONU).

O CLP trata sobre os perigos das substancias e mesturas de produtos químicos e de como informar a outras persoas sobre estes. A industria deberá establecer os perigos das substancias e mesturas antes da súa comercialización e clasificalas de acordo cos perigos identificados. En caso de que unha substancia ou mestura sexa perigosa, deberá ser etiquetada de maneira que os traballadores e os consumidores coñezan os seus efectos antes de manexala.

O CLP xa entrou en vigor en toda a Unión Europea en xaneiro de 2009 pero estableceu uns períodos transitorios ata a súa aplicación total. Dende o 1 de decembro de 2010 é xa de obrigado cumprimento para as substancias químicas e voluntario para as mesturas.