Amianto


Aínda que en España está prohibida a utilización e comercialización do amianto dende o 14 de decembro de 2002, e no ámbito da Unión Europea prohibiuse a utilización de todo tipo de amianto dende o 1 de xaneiro de 2005, o amianto, que foi amplamente utilizado no pasado, continúa formando parte de numerosos materiais presentes en edificios, instalacións industriais, maquinaria, vehículos de transporte...

A presenza do amianto por si só en diferentes materiais non supón un risco para a saúde, pero cando estes materiais liberan as fibras do amianto ao ambiente, como sucede en diferentes traballos que implican a súa manipulación, poden provocar fundamentalmente asbestose, cancro de pulmón e mesotelioma, enfermidades para as que non se coñece cura e que adoitan ser mortais.

O Real decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto, constitúe a norma legal mínima en relación ao amianto no noso país. Neste RD ademais de recollérense as medidas de protección e prevención que hai que aplicar nestes traballos con risco de exposición, obrígase ás empresas que os executan a realizaren diferentes trámites administrativos que se indican a continuación.

TRÁMITES ADMINISTRATIVOS PARA PODER TRABALLAR CON AMIANTO 

1. Inscribirse no Rexistro de empresa con risco por amianto (RERA):

Están obrigadas a inscribirse na nosa comunidade autónoma, as empresas cuxas instalacións principais (domicilio social) radiquen en Galicia e que vaian realizar actividades ou operacións nas que os traballadores estean expostos ou sexan susceptibles de estar expostos a fibras de amianto ou de materiais que o conteñan, e especialmente en:

  • Traballos de demolición de construcións onde exista amianto ou materiais que o conteñan.
  • Traballos de desmantelamento de elementos, maquinaria ou ferramenta onde exista amianto ou materiais que o conteñan.
  • Traballos e operacións destinadas á retirada de amianto, ou de materiais que o conteñan, de equipos, unidades (tales como barcos, vehículos, trens), instalacións, estruturas ou edificios.
  • Traballos de mantemento e reparación dos materiais con amianto existentes en equipos, unidades (tales como barcos, vehículos, trens), instalacións, estruturas ou edificios.
  • Traballos de mantemento e reparación que impliquen risco de desprendemento de fibras de amianto pola existencia e proximidade de materiais de amianto.
  • Transporte, tratamento e destrución de residuos que conteñan amianto.
  • Vertedoiros autorizados para residuos de amianto.
  • Todas aquelas outras actividades ou operacións nas que se manipulen materiais que conteñan amianto, sempre que exista risco de liberación de fibras de amianto ao ambiente de traballo.

 Como facer a inscrición?

  • Cubrir a ficha de inscrición que se pode descargar ao final desta información.
  • Dirixila debidamente cuberta ao Centro do ISSGA da provincia onde teña o domicilio social a súa empresa. Os enderezos dos devanditos centros pódeos atopar nesta páxina web (o ISSGA/centros do ISSGA).
  • No caso de que o domicilio social non estea en Galicia deberá dirixirse á autoridade laboral do territorio no que teña o domicilio social a súa empresa.

 Comunicación de variación de datos e baixas:

  • Calquera variación dos datos relativos á súa empresa debe comunicalos ao centro do ISSGA ao que lle dirixiu a inscrición no prazo máximo de 15 días. Utilizará de a ficha de modificación en rexistro que pode descargar ao final desta información.
  • Se a súa empresa non vai continuar realizando as actividades que provocaron a alta no RERA debe darse de baixa neste rexistro. Utilizará a ficha de baixa que tamén pode descargar ao final desta páxina.

 Pode consultar e descargar a listaxe de empresas inscritas no RERA en Galicia ao final desta páxina.

 2. Antes do comezo de cada traballo debe elaborar un PLAN DE TRABALLO que debe aprobar a autoridade laboral no prazo de 45 días hábiles.

Mentres non estea aprobado o plan non poderán comezar os traballos. Na tramitación do expediente hai que solicitar informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social e do ISSGA que revisarán o plan de acordo ao previsto no RD.

A normativa contempla a posibilidade de presentar, especialmente en tarefas de mantemento e reparación, un plan de traballo único de carácter xeral que poida servir para actividades similares, pero restrinxe esta posibilidade a operacións de curta duración con presentación irregular ou que non se poidan programar con antelación.

Os empresarios que contraten ou subcontraten con outros a realización dos traballos comprendidos no ámbito deste Real decreto deberán comprobar que os devanditos contratistas ou subcontratistas contan co correspondente plan de traballo. Para tales efectos, a empresa contratista ou subcontratista deberá remitir a empresa principal unha copia da resolución aprobatoria do plan de traballo.

Xunto co plan de traballo debe presentar tamén o certificado de aptitude médica dos traballadores que van participar na actividade concreta e un documento que acredite que se consultou aos representantes dos traballadores para a elaboración do plan.

O plan debe conter todos os apartados que figuran no artigo 11.2 do RD 396/2006. Ao final desta páxina pode atopar un “Formulario para presentar plans de traballo” que contén esta información e outra de interese para a elaboración do plan.

Trámites:

Presentación do plan:

Lugar:

  • Débeo dirixir ao CSSL da provincia na que vaia realizar os traballos. No caso de que se presente un plan único de carácter xeral deberá facelo no Centro ISSGA da provincia na que radique o domicilio social da súa empresa.

 Documentos:

  • Ao final desta información pode descargar o documento “formulario para presentar plans de traballo” que utilizará para presentar o plan. Debe cubrir  correctamente a ficha cos datos de identificación e proporcionar toda a información e documentos que se indican neste formulario. Nel atopará outra información de interese para a elaboración do plan.
  • No caso de que a súa empresa estea inscrita no RERA doutra comunidade autónoma debe xuntar ademais unha copia da ficha de inscrición.
  • Unha vez que o plan de traballo estea aprobado debe comunicar mediante Fax e correo electrónico ao Centro do ISSGA que lle aprobou o plan a data exacta de comezo dos traballos con tres (3) días hábiles de antelación. Utilizará a ficha de comunicación de inicio de traballos con amianto, que figura ao final desta información, para comunicalo. No caso de que se trate de traballos ao abeiro dun plan único de carácter xeral deberá presentar esta ficha no Centro do ISSGA da provincia na que se vaian executar os traballos.

As Follas de prevención nº1 e nº2 publicadas polo ISSGA, conteñen máis información tanto relacionada cos trámites administrativos como coas principais medidas técnicas e preventivas a ter en conta nos traballos. Pode descargalas na páxina do ISSGA:

 http://issga.xunta.es/portal/contido/documentacion/publicacions/follas-de-prevencion/

Para a elaboración do plan debe consultar a Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT) sobre o RD 396/2006, en especial os comentarios ao artigo 11 e aos artigos 6, 7, 8, 9 e10 así como os seus apéndices. Pódese descargar gratuitamente da páxina web do INSHT:

http://www.insht.es/InshtWeb/Contenidos/Normativa/GuiasTecnicas/Ficheros/Guía%20Técnica%20Exposición%20al%20Amianto.pdf

Para as dúbidas que lle poidan xurdir sobre o plan de traballo concreto que vaia presentar diríxase ao Centro do ISSGA ao que lle deba presentar o plan.

PRECISIÓNS SOBRE A APLICACIÓN DO RD 396/2006

O RD 396/2006 na súa disposición adicional segunda, encoméndalle ao Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo a elaboración da guía técnica para este Real decreto. Esta guía, que foi publicada o pasado novembro de 2008, proporcionou orientacións prácticas e criterios de actuación sobre diferentes aspectos que era necesario ter en conta por parte da Administración. Expóñense a continuación diferentes precisións e orientacións prácticas, así como criterios para a aprobación de plans de traballo na nosa comunidade autónoma.

Operacións e actividades exentas da aplicación dos artigos 11 (plans de traballo), 16 (vixilancia da saúde), 17 (inscrición no RERA) e 18 (rexistro e datos e arquivo de documentación) segundo o recollido no artigo 3.2

O RD 396/2006 permite que se realicen determinados traballos sen que sexa necesario que a empresa estea inscrita no RERA, nin teña que presentar un plan de traballo nin facer vixilancia específica da saúde, eximíndoo ademais doutras obrigas documentais.

Para darse tales exencións débense cumprir tres condicións comúns:

  • Tratarse de exposicións esporádicas
  • A intensidade destas exposicións debe ser baixa
  • Os resultados da avaliación de riscos (artigo 5) deben indicar claramente que non se vai superar o valor límite de exposición na área da zona de traballo

E ademais os traballos deberán incluírse nalgún dos supostos seguintes:

a)     actividades curtas e descontinuas de mantemento e só con materiais non friables,

b)     retirada sen deterioración de materiais non friables,

c)     encapsulación e selado de materiais en bo estado que conteñan amianto, sempre que estas operacións non impliquen risco de liberación de fibras,

d)     vixilancia e control do aire e na toma de mostras para detectar amianto nun material.

En ningún caso o traballo con amianto ou materiais que o conteñan exime do cumprimento do resto dos artigos e polo tanto haberá que avaliar o risco, e aplicar as medidas axeitadas de prevención (técnicas, organizativas e de hixiene persoal e protección); ademais, os traballadores deben recibir a formación e a información necesaria e especificada no RD.

Tampouco se debe esquecer nunca a consideración do amianto como residuo perigoso e polo tanto a súa adecuada xestión como tal.

Cómpre salientar que se ten que tratar de algún dos casos indicados nos puntos a), b), c) e d).

En canto ás condicións comúns consideraranse:

  • Exposicións esporádicas: aquelas que sucedan de maneira illada e pouco frecuente (incluso previsible que non se volvan repetir) e nunca empresas cuxa actividade sexa calquera das incluídas no ámbito de aplicación do RD.
  • Exposicións de baixa intensidade: non se poderán incluír traballos que poidan orixinar altas concentracións aínda por pouco tempo (nunca >0,5 f/cm3 e >0,3 f/cm3 durante máis de media hora). Posto que son actividades nas que sole ser difícil unha avaliación fiable baseada nas medicións, estimarase a baixa intensidade en base a criterio técnico fundamentado na observación do procedemento ou instrucións de traballo e a súa correcta aplicación (ademais das medidas preventivas e demais disposicións aplicables) e no tipo de material intervido: en bo estado ou non friable.

 Exemplos de traballos que poderían incluírse neste suposto:

 a)   De actividades curtas e descontinuas:

  • Reparación de goteiras nunha cuberta de fibrocemento aplicando tea asfáltica ou poliuretano
  • Limpeza de canlóns, desatasco de baixantes
  • Substitución de xuntas de amianto non friable en válvulas ou condutos
  • Substitución dun chan de amianto-vinilo.

 b)   Retirada sen deterioro:

  • Elementos de fibrocemento: apagachispas, xardineiras, asentos ou outro mobiliario urbano sempre que non haxa que rompelos ou alterar o seu estado
  • Recollida de materiais con amianto non friable: fibrocemento, xuntas, masillas, adhesivos...que non foran usados e se atopen almacenados 

c)   Encapsulación e selado: 

  • Selado dun cordón illante nunha estufa
  • Protección cunha camisa metálica dun tubo de saída de fumes de fibrocemento.
  • Non se pode aplicar este apartado á dobraxe de cubertas: segundo o Regulamento (CE) Nº 1907/2006  (regulamento REACH) o uso de produtos que conteñan fibras de amianto que estaban instalados ou en servizo antes da entrada en vigor da prohibición seguirá estando permitido ata a súa eliminación ou a fin da súa vida útil. Unha cuberta  que chega ao fin da súa vida útil debe ser retirada e, en todo caso, calquera intervención sobre ela require da aprobación dun plan de traballo. 

d)  Vixilancia e control (en situacións puntuais). Non se pode aplicar nunha actividade habitual de vixilancia e control do aire e toma de mostras para detectar a presenza de amianto nun material determinado (non se trataría de exposicións esporádicas).

Nota: os traballos sobre fibrocemento nos que sexa necesaria a súa rotura debido á súa forma de presentación (por exemplo placas de fibrocemento adheridas a formigón ou material de fibrocemento moi degradado) non se poderán considerar como traballos sobre material non friable.

Presentación dun plan único de carácter xeral (plan xeral) (artigo 11.4)

O habitual é que se presente un plan por cada  traballo a realizar (plan específico, artigo 11.1) pero o RD contempla a posibilidade de que se presente un plan xeral tal como se sinala no artigo 11.4:

“Cando se trate de operacións de curta duración con presentación irregular ou non programables con antelación, especialmente nos casos de mantemento e reparación, o empresario poderá substituír a presentación dun plan por cada traballo por un plan único, de carácter xeral, referido ao conxunto destas actividades, no cal se conteñan as especificacións para ter en conta no seu desenvolvemento. Non obstante, este plan deberá ser actualizado se cambian significativamente as condicións de execución”.

Este tipo de plans están concibidos para circunstancias de imprevisión ou urxencia. Baséanse en procedementos xerais de traballo nos que estará previsto o tipo de materiais aos que se lles aplicará e as condicións da súa aplicación, pódese asegurar que non se van modificar substancialmente as exposicións dos traballadores nos diferentes traballos.

Os plans xerais só se poderán aprobar para as operacións que teñen metodoloxía de traballo especificada e correcta. No caso de que se queiran introducir novos procedementos de traballo para outros materiais haberá que especificar os novos procedementos e poderase presentar de novo para a súa aprobación como “ampliación de plan”.

Os datos relativos ás condicións reais de execución que non se poidan especificar no documento inicial débense comunicar posteriormente cando estes datos sexan coñecidos. Isto farase por medio das fichas de comunicación de inicio de traballos con amianto (ver ao final desta información) que se enviarán ao Centro do ISSGA que corresponda tres días hábiles antes do comezo do traballo. Poñerase especial atención ás posibles modificacións na relación de traballadores ou do recurso preventivo (formación e aptitude médica) con respecto ao documento inicial.

Estes plans terán un período máximo de vixencia de 3 anos. Transcorrido este prazo haberá que presentar un novo plan para a súa aprobación no Centro do ISSGA que corresponda segundo o domicilio social da empresa.

Expóñense a continuación os criterios que se terán en conta para considerar que se trata de traballos de curta duración con presentación irregular ou de traballos que non se poden programar con antelación, así como algúns exemplos de traballos que poderían responder a esta tipoloxía.

 a)   Operacións de curta duración con presentación irregular

  • Curta duración: segundo criterio técnico baseado no tipo de actividade, cantidade de materiais con amianto (en diante MCA) e situacións especiais en cada caso. Este criterio non se terá en conta cando se trate de traballo inminente (emerxencia, sinistros).
  • Presentación irregular: a finalidade do traballo non é a intervención nos MCA. Aparecen circunstancialmente no traballo a realizar

Exemplos de traballos que se encadrarían neste apartado:

  • Operacións de mantemento en redes de distribución de augas municipais.
  • Operacións de mantemento habituais en edificios con MCA: reparacións eléctricas, de caldeiras, de maquinaria...
  • Intervencións ou retirada de pequenas cantidades de MCA en traballos de fontanería, electricidade, albanelería.
  • Retirada de pequenas cantidades de materiais non friables en obras de construción (anacos de canalizacións, placas soltas, outros elementos de fibrocemento).
  • Retirada de baixantes de fibrocemento en traballos verticais.
  • Intervencións en cubertas e paramentos de fibrocemento para instalacións de aire acondicionado, liñas de vida...

Os plans xerais baséanse en procedementos xerais de traballo nos que as condicións de execución dos traballos incluídos no plan son sempre moi similares e están definidas (procedementos de traballo e tipo de materiais) e polo tanto tamén o é a exposición dos traballadores e sen embargo non se poden programar facilmente e/ou non parece que teñan entidade suficiente como para que se teña que aprobar un plan específico (curta duración), isto fai que tamén sexan adecuados para actividades como:

  • Recollida e transporte de residuos e MCA fóra de uso
  • Traballos en vertedoiros
  • Análise e ensaios para determinar MCA
  • Estudos de identificación de MCA  e toma de mostra de materiais para detectar a presenza de amianto

No caso de que se trate de retirada de materiais de fibrocemento só se poderá presentar un plan xeral se se cumpren todos os requisitos seguintes:

  • Todas as operacións se realizan nunha única xornada de traballo.
  • Cada traballador só pode traballar 4 horas laborais en todas as operacións incluídas no plan de traballo.
  • O nº total de horas traballadas non debe superar as 16 (sumando todos os traballadores)
  • No caso de retirada de placas de fibrocemento: máx. 100 m2.
  • A retirada de fibrocemento debe ser en naves baleiras, cando non sexan necesarias medidas de illamento, se non é así hai que presentar un plan específico.

 O plan só se considerará válido para retirar os materiais que teñan a metodoloxía descrita nel.

b)    Operacións que non se poden programar con antelación

Estarán incluídos neste apartado os traballos que se presentan como consecuencia de emerxencias e sinistros: retirada de cascallos logo dun incendio dunha nave industrial, unha inundación ou outras circunstancias imprevistas, demolicións de edificios en situacións de emerxencia sen retirada previa de MCA (artigo 11.1. a)) nos que sexa necesario actuar con celeridade... Neste caso non se terá en conta a súa duración.

Presentación dun plan sucesivo (artigo 11.3):

Esta posibilidade permite que a documentación que hai que presentar en cada plan de traballo se reduza á estritamente necesaria co fin de axilizar a súa presentación e aprobación. É a modalidade que mellor se axusta cando:

  • Se trata de traballos que corresponden a un tipo de actividade que a empresa realiza con frecuencia e para os que dispón de procedemento de traballo satisfactoriamente avaliado.
  • Non é previsible que se supere o valor límite.

Sempre e cando o plan se vaia presentar ante a mesma autoridade laboral que o plan presentado con anterioridade (no mesmo Centro do ISSGA).

Igual que no caso dos plans xerais é importante que as condicións sexan reproducibles pero en xeral trátase de traballos de maior entidade que non cumprirían coas condicións indicadas no artigo 11.4 (plans xerais).

Exemplos de traballos que se axustarían a este tipo de plans:

  • Retirada de cubertas de fibrocemento: cando a superficie a intervir supere os 100 m2  ou ben non cumpra con algún dos outros requisitos antes citados para que poidan ser obxecto dun plan xeral.
  • Traballos de mantemento programables.

No “formulario para presentar plan de traballo” que pode descargar ao final desta páxina, atopará a documentación que debe presentar neste tipo de plans.