Plan de actuación 2022


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) é un organismo autónomo adscrito organicamente á Consellería de Emprego e Igualdade . De acordo co establecido na Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula, e nos seus estatutos aprobados polo Decreto 165/2014, configúrase como un órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo (en adiante SST)

Consonte a dita normativa, o ISSGA desenvolve a súa actuación mediante un plan anual, como instrumento fundamental para dar cumprimento aos seus fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia adoptan os poderes públicos de Galicia .

Froito do Diálogo Social en Galicia son as sucesivas estratexias galegas de SST, ata a actual para o período 2017-2020, que se prorroga no ano 2021 e no 2022 en tanto non entre en vigor a seguinte. A esta deben unirse as sucesivas estratexias españolas, a vixente 2015-2020, e aberta neste momento a negociación da próxima estratexia, na que Galicia participa tanto na súa elaboración como na súa execución, e no ámbito europeo, como o actual Marco estratéxico en materia de saúde e seguridade no traballo 2021-2027.

Así, é obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixen á promoción, asesoramento técnico, formación, información e seguimento e control en materia de SST, na execución da vixente estratexia galega para o 2022.

Para a consecución dese obxectivo, este documento de planificación ten unha dobre finalidade:

  • Por unha banda, servir de guión para a execución das funcións e desenvolvemento das actividades técnicas
  • Pola outra, dar a coñecer coa máxima transparencia a todas as persoas e entidades interesadas a planificación das actividades e mesmo a busca de actores que se sumen a estas actuacións

 Neste plan distínguense iniciativas novas que teñen unha duración limitada no tempo, que pode ser anual ou, nalgúns casos plurianual; outras que supoñen a continuación de actividades iniciadas en anos anteriores, e outras que constitúen actuacións de carácter permanente do ISSGA de acordo coas funcións que ten encomendadas se gundo o establecido na súa lei de creación e nos seus estatutos, e a medio prazo no marco da estratexia galega.

 Son elementos deste Plan:

  • A definición dos obxectivos e resultados que se deben acadar
  • A asignación ás distintas unidades de desenvolvemento dos programas previstos
  • Os recursos persoais, materiais e orzamentarios para a súa execución .

Este plan deuse a coñecer na reunión do órgano colexiado superior de goberno do ISSGA que tivo lugar o día 16 de novembro de 2021, segundo consta na acta da devandita xuntanza . Ao abeiro do artigo 36 dos estatutos, o Plan será aprobado, por proposta do Consello Reitor, por orde da consellería competente en materia de traballo, dentro do marco da súa estratexia plurianual, contando co informe favorable da consellería competente en materia de facenda, consonte ao establecido pola lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.