Plan de actividades 2020


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) é un organismo autónomo adscrito organicamente á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De acordo co establecido na Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula, e nos seus estatutos aprobados polo Decreto 165/2014, configúrase como un órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo (en adiante SST).

Consonte a dita normativa, o ISSGA desenvolve a súa actuación mediante un plan anual, como instrumento fundamental para dar cumprimento aos fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia adoptan os poderes públicos de Galicia.

Froito do Diálogo Social en Galicia son as sucesivas estratexias galegas de SST, ata a actual para o período 2017-2020 na que nos atopamos no último ano de execución, acordada no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que se adapta ás peculiaridades sociais, empresarias, demográficas, territoriais, etc. de Galicia. A esta estratexia deben unirse as sucesivas estratexias españolas, a vixente 2015-2020, na que Galicia participa tanto na súa elaboración como na súa execución, e no ámbito europeo, como o actual Marco estratéxico en materia de saúde e seguridade no traballo 2014-2020.

Así, é obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixen á promoción, asesoramento técnico, formación, información e seguimento e control en materia de SST, no 2020 adquire especial relevancia por chegar ao fin da vixencia temporal da estratexia galega e polo tanto débense reforzar aqueles aspectos nos que non está desenvolvida integramente e na medida que corresponden ao ISSGA.

Para a consecución dese obxectivo este documento de planificación ten unha dobre finalidade:

  1. Por unha banda, servir de guión para a execución das funcións e desenvolvemento das actividades técnicas.

  2. Pola outra, dar a coñecer coa máxima transparencia a todas as persoas e entidades interesadas a planificación das actividades e mesmo a busca de actores que se sumen a estas actuacións.

Neste plan distínguense iniciativas novas que teñen unha duración limitada no tempo, que pode ser anual ou nalgúns casos plurianual; outras que supoñen a continuación de actividades iniciadas en anos anteriores, e outras que constitúen actuacións de carácter permanente do ISSGA de acordo coas funcións que ten encomendadas segundo o establecido na súa lei de creación e nos seus estatutos, e a medio prazo no marco da EGSST 2017-2020.

Son elementos deste Plan:

- A definición dos obxectivos e resultados que se deben acadar.

- A asignación ás distintas unidades de desenvolvemento dos programas previstos.

- Os recursos persoais, materiais e orzamentarios para a súa execución.

Este plan deuse a coñecer na reunión do órgano colexiado superior de goberno do ISSGA que tivo lugar o día 31 de enero de 2020, segundo consta na acta da devandita xuntanza. Ao abeiro do artigo 36 dos estatutos o Plan será aprobado, por proposta do Consello Reitor, por orde da consellería competente en materia de traballo, dentro do marco da súa estratexia plurianual (EGSST 2017-2020), contando co informe favorable da conselleria competente en materia de facenda, consonte ao establecido pola lexislación de réxime financieiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Debido á situación de pandemia pola COVID-19 foi necesario adaptar o Plan de actividades previsto para o ano 2020, e o 28 de xullo de 2020 presentouse ante o Consello Reitor.