Plan de actividades 2019


O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) é un organismo autónomo adscrito organicamente á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De acordo co establecido na Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula, e nos seus estatutos aprobados polo Decreto 165/2014, configúrase como un órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de seguridade e saúde no traballo (en adiante SST).

Como singularidade deste órgano técnico destacar a presenza cualificada dos interlocutores sociais de Galicia xunto coas distintas unidades directivas da Xunta de Galicia no seu órgano de goberno, e polo tanto na toma de decisións e na execución destas políticas públicas.

Consonte á súa normativa reguladora, o Instituto desenvolve a súa actuación mediante un plan anual, como instrumento fundamental para dar cumprimento aos fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia adoptan os poderes públicos de Galicia.

Froito do Diálogo Social en Galicia son as sucesivas estratexias galegas de SST, ata a actual para o período 2017-2020 na que nos atopamos no seu ecuador, acordada no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que se adapta ás peculiaridades sociais, empresarias, demográficas, territoriais etc. de Galicia. A esta estratexia deben unirse as sucesivas estratexias españolas, a vixente 2015-2020, na que Galicia participa tanto na súa elaboración como na súa execución, e no ámbito europeo, como o actual Marco estratéxico en materia de saúde e seguridade no traballo 2014-2020.

Así, é obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixen á promoción, asesoramento técnico, formación, información e seguimento e control en materia de SST, no 2019 adquire especial relevancia por estar no ecuador da vixencia temporal da estratexia galega e polo tanto reforzar aqueles aspectos nos que non está desenvolvida integramente e na medida que corresponden ao ISSGA.

Polo exposto, este documento ten por obxecto determinar as actuacións a desenvolver polo ISSGA durante o ano 2019, cunha dobre finalidade:

  1. Por unha banda, servir de guión para a execución das funcións e desenvolvemento das actividades técnicas.

  2. Pola outra, dar a coñecer coa máxima transparencia a todas as persoas e entidades interesadas a planificación das actividades.

Este plan aprobouse na reunión do órgano colexiado superior de goberno do ISSGA que tivo lugar o día 14 de decembro de 2018, segundo consta na acta da devandita xuntanza.

Nesta planificación distínguense iniciativas novas que teñen unha duración limitada no tempo, que pode ser anual ou nalgúns casos plurianual; outras que supoñen a continuación de actividades iniciadas en anos anteriores, e outras que constitúen actuacións de carácter permanente do ISSGA de acordo coas funcións que ten encomendadas segundo o establecido na súa lei de creación e nos seus estatutos, e a medio prazo no marco da EGSST 2017-2020.