Plan de actividades 2015


O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) configúrase como un órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais. De acordo co disposto no artigo 3 da Lei 14/2007, que crea e regula o ISSGA, correspóndelle ao instituto a xestión e a coordinación das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para a mellora das condicións de traballo co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo.
 
Os estatutos do ISSGA, aprobados recentemente polo Decreto 165/2014, do 11 de decembro, establecen que o instituto desenvolverá as súas actividades consonte ao establecido no plan de actuación, como instrumento fundamental para dar cumprimento aos fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia se adopte polos poderes públicos da Comunidade Autónoma.
               
Será obxecto do plan anual o deseño e a priorización de accións e medidas que se dirixan á promoción, información, formación e seguimento e control en materia de seguridade e saúde laboral.
 
O plan anual de actuación do ISSGA debe conter os seguintes elementos:
 
a) A definición dos obxectivos e resultados que se deban acadar.
b) A asignación ás distintas unidades o desenvolvemento dos programas previstos para acadar os obxectivos marcados.
c) Os recursos persoais, materiais e orzamentarios para a consecución dos obxectivos e dos resultados.
 
O Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional do ISSGA, derrogado tras a aprobación dos actuais estatutos, xa recollía o plan anual de actividades como instrumento de planificación da súa actuación.
 
Deste xeito, a actividade do ISSGA responde ao criterio de planificación previa mediante a elaboración dun plan anual de actividades, documento que inclúe as liñas de traballo e actuacións técnicas que se desenvolverán por este organismo no período anual correspondente.
 
Polo exposto, o presente plan de actividades inclúe as principais liñas e actuacións técnicas de traballo que desenvolverá o ISSGA durante o ano 2015, limitándose aos fins e funcións definidos para este instituto na Lei 14/2007, tendo en conta as políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral estableceron os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia neste horizonte temporal para a mellora das condicións de traballo, co obxecto de eliminar ou reducir na orixe os riscos inherentes ao traballo durante o período, e das que o ISSGA é o órgano técnico encargado da súa xestión e coordinación, sen esquecer a necesaria colaboración dos axentes sociais e doutros órganos da administración con competencias en materia de prevención de riscos laborais.
 
Neste plan de actividades mantéñense as actividades definidas como permanentes en períodos anteriores, estando en vigor o Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014, reforzándose liñas iniciadas en anos anteriores como a colaboración interinstitucional cos outros departamentos da Xunta de Galicia con competencias en materia de saúde laboral.
 
Por outra banda, a participación do ISSGA no Programa de Desenvolvemento Rural Sostible (Rural.Es), supón un incremento notable estes últimos anos nas accións de formación e información dirixidas ás persoas traballadoras do sector primario, e nas actividades de estudo, investigación e elaboración de documentación técnica e de divulgación que serven de soporte a aquelas. Por iso, no ano 2015 vólvese incidir, consecuentemente, nas actuacións técnicas neste eido.
 
Dado que moitas actividades que forman parte das funcións propias do ISSGA teñen un carácter permanente, e especialmente aquelas que derivan de solicitudes doutras entidades ou organismos, non se establecen obxectivos específicos temporais, polo que nestas, a descrición da actividade e os obxectivos xenéricos permanecen sen cambios respecto a anos anteriores, agás cando se definan ampliacións ou cambios nos procedementos de actuación, en cuxo caso, especifícanse como obxectivos para o ano 2015.
 
Do mesmo xeito, as premisas que se definiron noutros exercicios como base para a planificación das actividades técnicas do ISSGA permanecen sen cambio, e son as seguintes:
 
  • Os seus fins e funcións, definidos respectivamente nos artigos 3 e 4 da Lei 14/2007, do 30 de outubro, pola que se crea e regula o ISSGA.
  • Os recursos humanos e materiais dispoñibles, tanto propios como os que procedan de colaboracións con outros axentes, que determinan a súa capacidade de obrar.
  • As necesidades propias do organismo, na procura da mellora da súa xestión e resultados, e da potenciación do seu papel como órgano coordinador das políticas que nas materias de seguridade, hixiene e saúde laboral establezan os poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
  • A consolidación de accións emprendidas en anos anteriores.
  • As actividades xa iniciadas de carácter plurianual, ou as anuais que interesa prolongar no tempo, en función do seu impacto e eficacia.
  • A existencia de actividades non programables, que é consecuencia da propia natureza da labor que desenvolve o ISSGA, ao actuar nos casos de accidente, ou ao atender as demandas e requirimentos doutros organismos ou dos axentes sociais.
  • A aparición de nova normativa ou criterios técnicos en materia de prevención de riscos laborais ou de seguridade e saúde laboral.
  • O estado sociolaboral actual en xeral, e da prevención de riscos laborais en particular.
  • A adaptación aos novos coñecementos, aos cambios e ao progreso técnico que se produzan no eido da prevención de riscos laborais.
  • As necesidades e demandas da sociedade en xeral, e dos axentes sociais, das empresas e os seus traballadores e traballadoras en concreto.
 As actuacións deste plan de actividades serán revisadas coa aprobación da nova estratexia galega de seguridade e saúde laboral, adaptándose aos obxectivos estratéxicos que nela se establezan.