Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable


O porqué da campaña

No Plan de actuación do ISSGA inclúense unha serie de campañas consensuadas polo grupo de traballo de sinistralidade do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, que ten entre as súas funcións a realización de campañas co obxectivo de reducir a sinistralidade nos sectores, actividades ou operación que se poidan considerar de actuación prioritaria.

A raíz dos traballos levados a cabo no seno deste grupo de traballo e tralo análise da sinistralidade grave en Galicia, que mostra que no sector gandeiro materialízanse accidentes graves para os traballadores derivados do manexo do gando vacún, realízase esta campaña para o sector gandeiro, “Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable”, que inclúe, entre outras, as seguintes medidas:

  1. Elaboración de documentación técnica

  2. Difusión do material, en formato impreso nas explotacións gandeiras, en colaboración coa Consellería de Medio Rural e, en formato dixital, a través da páxina web e outro medios dixitais.

  3. Sensibilización a través de redes sociais

Obxectivo, destinatarios e distribución

Esta campaña pretende concienciar da importancia da prevención dos riscos laborais existentes nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas e recomendacións preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. Na elaboración do contido dos documentos tivéronse en conta a tipoloxía e as causas dos accidentes dos accidentes recollidas nos partes de comunicación de accidentes.

A campaña vai dirixida aos titulares das explotacións así como ás persoas traballadoras. Para o desenvolvemento da campaña cóntase coa colaboración da Consellería do Medio Rural na difusión da documentación técnica.

Terá unha duración plurianual co obxectivo de facer chegar á documentación a case 25.000 explotación de gando vacún galegas; este ano se visitarán unhas 9.000 explotacións a través da campaña de saneamento da Consellería do Medio Rural e nas que os técnicos farán entrega persoalmente da dita documentación.

Soportes

A documentación técnica da campaña son un cuadriplico e un cartel onde se recollen:

  • A prevención de riscos nos lugares de traballo

  • A prevención de riscos no manexo dos animais

  • A prevención de riscos coa maquinaria e equipos

  • A prevención de riscos cos produtos químicos

  • Prevención de riscos na manipulación de cargas

  • Protección da maternidade_embarazo e lactación

Nos lugares de traballo, entre outros aspectos, hai que adecuar as instalacións a cada tipo de animal e realizar un correcto mantemento, evitar o risco de caída de altura nos silos e lugares de almacenaxe realizando as tarefas dende o chan e empregando os medios auxiliares adecuados. Limpar e desinfectar as instalacións e equipos con frecuencia e mantelos ordenados.

No manexo de animais indícanse as diferentes técnicas de manexo e como evitar o contaxio de enfermidades, garantindo situacións seguras e empregando técnicas e dispositivos e medios auxiliares específicos.

En canto á maquinaria e equipos, indícanse recomendacións en seguridade viaria (sinalización, circulación por vías públicas, etc), consellos de uso (estrutura de protección ante o envorco e cinto de seguridade, elección de apeiros, condución en terreos complicados e pendentes, ...) e as precaucións coa toma de forza e outros elementos móbiles (elementos de protección, manipulación da toma de forza, ...).

Indícase como facer o uso, manipulación, almacenaxe e xestión de envases e residuos dos produtos químicos así como o procedemento de actuación antes, durante e despois da aplicacións de fitosanitarios.

Tamén se recollen aspectos relativos á manipulación manual de cargas (levantamento correcto, pesos recomendados, organización do traballo, ...) e ao embarazo e lactación, sinalando aquelas situacións que se deben evitar e as recomendacións para realizar a actividade nestes supostos (evitar traballos con calor ou fríos extremos, reducir o traballo con maquinaria, evitar sobreesforzos e posturas forzadas, realizar cambios posturais frecuentes, evitar xornadas prolongadas, etc.)

Descargas