Campaña de boas prácticas na industria conserveira para previr os riscos laborais


Vigo, 30 de xaneiro de 2017.- A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguriadade e Saúde Laboral (ISSGA), vén de poñer en marcha unha campaña de boas prácticas na industria conserveira para fomentar a prevención dos riscos laborais neste sector. A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na presentación desta iniciativa que a Consellería de Economía, Emprego e Industria leva a cabo en colaboración con Anfaco-Cecopesca.

A campaña céntrase na elaboración dunha guía de boas prácticas, que desenvolveu o ISSGA, coa que se busca promover e potenciar a concienciación e a información dos traballadores deste sector, a sensibilización e a formación do persoal de prevención e a divulgación da cultura preventiva.

A guía analiza cada unha das fases e tarefas dos procesos de traballo das factorías conserveiras do atún e detalla medidas preventivas específicas en cada unha delas. Céntrase fundamentalmente en explicar as medidas axeitadas para a prevención dos trastornos musculoesqueléticos, o maior risco laboral asociado a este sector.

En total distribuiranse 150 guías nas empresas conserveiras galegas e se editarán 60 carteis informativos e 300 trípticos. Tamén se realizará unha difusión a través das redes sociais do ISSGA e nas páxinas web deste organismo e da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A guía é o resultado dun estudo biomecánico realizado para todos os postos de traballo da cadea produtiva existente nas empresas do sector da conserva do atún.

Toca destacou que un dos retos principais da Axenda 20 para o Emprego é garantir un emprego seguro e de calidade como elemento clave da competitividade. Para iso, a Xunta está a traballar na mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos laborais e na promoción da participación e maior implicación dos interlocutores sociais vencellados á seguridade e saúde no traballo.

Así mesmo, e tal e como explicou a secretaria xeral de Emprego, o Goberno galego está a potenciar as actuacións das administracións públicas en materia de análise, investigación, información, apoio e asesoramento técnico en prevención de riscos laborais e a promover a mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, con especial atención a sectores, actividades, colectivos e empresas que presentan maior risco. Economía, Emprego e Industria fomenta, ademais, unha formación de calidade neste eido para a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.

Para levar a cabo estas tarefas, a Xunta conta co ISSGA que realiza, entre outras funcións, un importante labor formativo que, xunto á información, promoción e asesoramento en materia de seguridade laboral, constitúe unha das actuacións destacadas dos seus plans anuais.

“O Goberno galego entende que a prevención de riscos no traballo ten que ser unha actuación de todos e, por iso, é obxectivo prioritario da Xunta garantir a prevención dos riscos en todo o proceso produtivo mediante unha adecuada xestión preventiva”, sinalou Toca, quen rematou afirmando que a Administración autonómica está deseñando políticas e medidas encamiñadas á prevención que dean resposta ás demandas do tecido empresarial galego.