Tod@s actitude sen risco


Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2019. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), e en colaboración coa Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (Cegasal), vén de poñer en marcha Tod@s actitude sen risco, unha campaña que se levará a cabo nos centros especiais de emprego asociados a Cegasal e que ten por obxecto ofrecer en cada centro de traballo información práctica sobre prevención de riscos laborais.

A campaña presentouse en Trameve, un dos centros nos que se desenvolve esta iniciativa e que centra a súa actividade na recuperación de vehículos e as súas pezas, a través de procesos respectuosos co medio ambiente, fomentando o consumo responsable de recursos.

A actuación, que se enmarca na Estratexia galega de seguridade e saúde laboral 2017-2020 da Xunta, centrarase no desenvolvemento de campañas específicas, segundo o tipo de actividade de cada centro especial de emprego (por exemplo xardinería, hostalería ou artes gráficas) e na distribución de material informativo nos centros de traballo, como dípticos e carteis. Do que se trata é de facilitar o cumprimento normativa e poñer en valor a importancia da prevención de riscos laborais entre as persoas con capacidades diferentes.

A campaña tamén forma parte da aposta do Goberno galego por impulsar o emprego inclusivo en Galicia. A Axenda 20 para o Emprego inclúe ferramentas para promover a integración laboral e a calidade no traballo das persoas con capacidades diferentes e en risco de exclusión social. O reto é mellorar as oportunidades laborais dos galegos respondendo ás necesidades dos que teñen máis dificultades para atopar un emprego. Para conseguir este obxectivo, a Xunta traballa en adecuar os perfís profesionais dos traballadores galegos ás demandas actuais do tecido produtivo. É necesario seguir traballando para garantir que as habilidades e competencias dos nosos traballadores, en especial dos que teñen máis dificultades, estean en consonancia coas necesidades das empresas.

Galicia conta na actualidade con 109 centros especiais de empregos que empregan a 2500 traballadores con capacidades diferentes, e 70 persoas para as unidades de apoio.