Campaña sobre os perigos do manexo do tractor e dos seus aparellos


  • A actuación pretende alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros e achegar á poboación recomendacións básicas para evitar ou minimizar ao máximo os accidentes neste tipo de vehículos
  • Distribuiranse 32.500 trípticos e 200 carteis nos controis de tráfico da Garda Civil en estrada para tractores, puntos fixos da ITV e as súas unidades móbiles específicas para tractores e nos concellos galegos

A Coruña, 25 de novembro de 2016.- A Xunta e a Delegación do Goberno de Galicia colaboran na posta en marcha da campaña Prevención de riscos no tractor co obxectivo de reducir a sinistralidade neste ámbito con especial atención no rural.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e a directora do Issga, Adela Quinzá-Torroja, presentaro na Coruña esta iniciativa conxunta, que se centra en alertar e concienciar dos riscos do manexo do tractor e dos seus apeiros, informando de cales son as causas máis recorrentes dos accidentes, e achegar as recomendacións básicas coas que se evitarían moitos sinistros deste tipo.

A campaña recolle información técnica en catro ámbitos que se consideran os máis relevantes na prevención dos risco e pola súa incidencia causal nos accidentes con tractor como son a seguridade viaria, a protección da toma de forza e do eixo cardánico, as proteccións do tractor fronte a envorcadura e medidas contra a envorcadura.

Toda esta documentación plásmase nos 32.500 trípticos e 200 carteiras que se distribuirán nos controis de tráfico da Garda Civil en estrada específicos para tractores, nos puntos fixos da ITV e nas súas unidades móbiles para os vehículos agrarios e nos concellos galegos.

Esta campaña dá continuidade e completa outras actuacións que se están a desenvolver nos últimos anos por ambas administracións co mesmo obxectivo: reducir a sinistralidade e concienciar cara a unha cultura preventiva no uso do tractor, con especial fincapé no medio rural.

A secretaria xeral de Emprego fixo fincapé, ademais, no labor que está a desenvolver o ISSGA para minimizar ao máximo este tipo de accidentes salientado, ao respecto, que nos accidentes mortais en tractor máis do 95% de persoas non están afiliadas ao réxime especial agrario, é dicir, son sinistros non laborais sendo a idade medida da maior parte dos sinistros de máis de 65 anos. A meirande parte deles prodúcense cando se realizan tarefas agrarias ou nos seus desprazamentos.

Neste senso, a secretaria xeral de Emprego apuntou que 2015 se pechou sen ningún accidente mortal co uso de tractor no ámbito laboral.

 

Descargas