Campaña Adeus Estrés!


1. Obxectivos da campaña:

a) Obxectivos estratéxicos:

  • Insistir na importancia de previr os factores de risco psicosociais tanto de xeito colectivo (na organización) como de xeito individual (as persoas traballadoras).  

  • Fomentar a creación de empresas saudables, nas que o primeiro chanzo sexa a seguridade e saúde laboral mediante unha adecuada xestión preventiva en toda a súa extensión. 

  • Incidir na prevención das patoloxías non traumáticas que están a evidenciar o seu crecente peso na sinistralidade laboral (*). 

  • En definitiva, acadar a progresiva mellora das condicións de seguridade e saúde laboral e favorecer un emprego de calidade.

b) Obxectivo específico:

Facilitar consellos e medidas para o recoñecemento dos sinais do estrés: emocionais, cognitivos, conductuais e fisiolóxicos, así como exemplos de pautas no ámbito individual para unha mellor xestión do risco na poboación traballadora galega.

2. O por qué da campaña:

  • As persoas experimentan estrés laboral cando perciben que hai un desequilibrio entre as esixencias ás que están sometidas polo seu traballo e os recursos dos que dispoñen para facer fronte ás mesmas. 

  • É positivo o estrés que te fai responder ás túas demandas en situacións normais. 

  • Ese nivel de estrés fará que sexas máis rápido porque te axuda a concentrarte nesa demanda e a ser máis efectivo. 

  • O malo é cando este estrés se cronifica. 

  • É unha realidade que o umbral é distinto en cada persoa. 

  • Isto ten moito que ver coas empresas saudables que son máis competitivas porque os traballadores son máis produtivos e se moven en conceptos que axudan a flexibilizar, a conciliar, sen perder en produtividade. En empresas que desterran o presentismo innecesario ao tempo que se se produce un descenso do absentismo inxustificado. 

  • É moi importante para a xestión do estrés o deseño do posto de traballo o ambiente laboral e factores que son máis individuais, como o exercicio físico. 

  • Coa adopción dun enfoque correcto, os riscos psicosociais e o estrés laboral poden previrse e xestionarse de modo satisfactorio independentemente do tamaño ou o tipo de empresa.

 

Nesta campaña danse 12 pautas que facilitan a xestión individual e o recoñecemento das causas do estrés:

1. Recoñece o teu estrés: Identifica as situación e os teus propios sinais de estrés.

2. Establece prioridades: Prioriza e revisa tarefas a eliminar, aprazar ou delegar.

3. Organiza o tempo de traballo: Planifica ben o traballo e fixa prazos ou ritmos realistas.

4. Rota tarefas: Alterna tarefas de distinto nivel de dificultade ou concentración.

5. Evita a multitarefa: Procura non realizar varias tarefas á vez.

6. Xornadas axustadas: Evita as xornadas de traballo prolongadas e compensa con actividades de descanso gratificantes.

7. Tempo de descanso: Fai pausas con frecuencia e axusta o descanso á carga de traballo.

8. Busca axuda: Cando o traballo sexa excesivo, pide axuda.

9. Trato con clientes: Adéstrate no manexo da ansiedade e o estrés en relación cos clientes.

10. Manexa a distancia emocional: Busca o equilibrio entre a sobreimplicación e a indiferenza co usuario.

11. Mellora a túa formación: Fórmate en técnicas de relaxación e xestión do tempo.

12. Vida saudable: Leva unha dieta saudable, realiza actividade física e mantén un bo descanso...

 

Ademáis, incídese nos sinais do estrés que poden ser:

  • Emocionais: Irritabilidade, ansiedade, desánimo ou apatía, tendencia á introversión, fatiga, relación problemáticas...
  • Cognitivos: Dificultades para concentrarse, lembrar información, aprender cousas novas ou tomar decisións, pensamento negativo...
  • Condutuais: Hábitos nervosos, como morderse as uñas, abusar do tabaco, alcohol ou drogas, comer compulsivamente, problemas de sono, condutas violentas ou agresivas, de torpeza ou neglixencia, tendencia a retraerse…
  • Fisiolóxicos: Problemas gástricos ou de dixestión, dor no peito, tensión muscular, dor de cabeza, maior sudoración, mareos, falta de aire...

 

3. Soportes:

Calendarios: 3.000 ud.

Carteis individuais: 1.500 ud.

A campaña darase tamén a coñecer a través da web e das redes sociais do ISSGA.

 

4. Destinatarios:

Os destinatarios son a poboación traballadora en xeral. O reparto farase en empresas e entidades, a través das asociacións de profesionais de prevención, o Colexio oficial de psicoloxía de Galicia, asociacións de autónomos, etc., e tamén na Xunta de Galicia.

 

* Esta campaña tamén pretende abordar de maneira preventiva a primeira causa dos accidentes laborais mortais en xornada en Galicia, que é a morte por infarto, derrame cerebral, etc. que, sen dúbida, é e ten que ser multicausal, pero que se evidencia como a causa con máis peso en sinistralidade mortal na actualidade en Galicia.