A túa vida, sen voltas


  • A Consellería de Emprego de Igualdade a través do Issga, en colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, deseñou a iniciativa que hoxe se presentou a través dunha webinar a 80 profesores e alumnos de FP
  • O oobxectivo é acadar a concienciación mediante a formación e a información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias
  • Distribuiranse 600 documentos técnicos co fin de chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros, traballadores forestais e todos aqueles e aquelas que teñan relación coa utilización do tractor no agro galego

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2020.- A Xunta pon en marcha unha nova campaña para reducir os accidentes co tractor. A túa vida sen voltas presentouse hoxe a través dunha webinar a 80 profesores e alumnos dos ciclos medio e superior dos centros de Formación Profesional da Granxa, en Ponteareas, e do IES Cidade de Antioquía, de Xinzo de Limia,  nos que se cursan estudos das ramas  agraria e industrias alimentarias nos que o tractor será unha das súas ferramentas de traballo.

A iniciativa foi deseñada pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), en colaboración co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, co obxectivo de fomentar o uso seguro do tractor, o aumento do número de tractores provistos de estrutura de protección e cinto de seguridade e a importancia de facer uso deles.

Pretendese acadar a concienciación do sector primario mediante a formación e a información respecto ao risco de envorco e as súas consecuencias. A previsión é chegar ao maior número posible de agricultores, gandeiros e gandeiras, traballadores e traballadoras forestais e todos aqueles e aquelas que  teñan relación coa utilización do tractor no agro galego. Así, para o desenvolvemento da campaña contouse tamén  coa colaboración da Axencia da Industria Forestal (XERA), dos axentes sociais e das principais cooperativas galegas. A iniciativa inclúe, así, a distribución de 600 carteis divulgativos e técnicos e un documento técnico que tamén se pode consultar en formato dixital na web do Instituto: http://issga.xunta.gal.

O feito de levar a cabo a presentación en centros educativos responde, por unha parte, á importancia da concienciación respecto da cultura preventiva desde as etapas formativas, e polo tanto na  Formación Profesional, e, doutra parte, promover comportamentos seguros nos que serán os futuros profesionais que se integrarán proximamente nas empresas e explotacións do sector.

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) considera necesario incidir na prevención de riscos laborais e lembra que unha gran maioría dos sinistros co tractor non teñen a consideración de accidentes de traballo, xa que os sofren en gran número persoas maiores de 65 anos e nunha alta porcentaxe persoas con idade incluso máis avanzada. En Galicia, entre os anos 2016 e o primeiro semestre de 2020, producíronse tres accidentes mortais por envorco con consideración de sinistro laboral.

Os accidentes con tractor son debidos principalmente pola ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade ou ao non uso deles, ben por levar a estrutura pregada ou non levar o cinto abrochado.  Por isto, a campaña incide na importancia da instalación de estruturas de protección e cinto de seguridade, así como no uso destes elementos. O documento técnico deseñado trata aspectos relacionados cos factores de risco, a gravidade das lesións, as medidas preventivas e de protección e a condución segura do tractor, entre outros.

A campaña enmárcase no Plan Nacional de Sensibilización en Prevención de Riscos Laborais  deseñado polo grupo de traballo do sector agrario  da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no traballo no que o ISSGA participa activamente.